A Mesa denuncia o abandono de funcións por parte da Xunta no galego

A Mesa pola Normalización Lingüística critica “o
cinismo” da Xunta “e nomeadamente da Secretaría Xeral de Política
Lingüística”, por afirmar que apostan na promoción do galego no ámbito
económico e empresarial “cando hai uns meses votaban en contra dunha
iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos
lingüísticos neste ámbito”. Unha ILP avalada por máis de 28.000
sinaturas, que procuraba garantir por lei os dereitos lingüísticos da
poboación no ámbito socioeconómico e tamén favorecer a creación de
postos de traballo no país en sectores como os da teleatención.
Marcos Maceira, presidente da MNL, considera que “é
vergoñento escoitar o secretario xeral de política lingüística dicir que
a Xunta traballa na visibilización da lingua galega nun ámbito no que
vetaron a posibilidade de aumentar dereitos lingüísticos para a
poboación. O único que fan é vender fume”.
A Mesa denuncia o abandono de funcións por parte da
Xunta e da SXPL, “o único que saben facer é vender plans de dinamización
da lingua galega pantasma só para crear titulares”, en referencia aos
anunciados pero non executados plans de dinamización do galego no tecido
económico e o plan de dinamización do galego na mocidade.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/mesa-denuncia-abandono-funcions-parte-da-xunta-galego/20180910155611071955.html