Erimsa ameaza con despedir traballadores e traballadoras se a Xunta non lle aproba máis concesións mineiras

A empresa mineira Erimsa está a chantaxear á Xunta
cos empregos dos seus traballadores e traballadoras. Fíxoo presentando
un expediente de regulación temporal de emprego (ERE) para as sesenta
persoas que forman parte do seu cadro de persoal en Frades (A Coruña).
Este sería o paso previo ao peche definitivo da explotación de cuarzo na
zona, a non ser que a Xunta lle conceda novos dereitos mineiros.
En resposta a esta chantaxe, o Sindicato Labrego
Galego, a través do avogado Ramón Barreiro Carnota, que forma parte da
Comisión de Seguimento da Minaría e en Defensa do Rural en Mesía,
manifestou:
Consideramos moi graves as declaracións feitas para
presionar á Xunta de Galicia ao tempo que poñen de manifesto supostas
irregularidades que xa, en si, son graves (das que esperamos que a Xunta
de Galicia e os concellos correspondentes actúen en consecuencia, pois
son recoñecidas pola mesma empresa). Nese mesmo comunicado demóstranse
tamén varias irregularidades e contradicións, polo que esta Comisión
quere EXPOÑER:
1. Erimsa non ten maior
importancia económica para a zona, xa que ten menos traballadores que
algunha granxa da comarca e o material e diñeiro que producen marchan
fóra da comunidade e do país (capital chino en gran parte, e os donos
non os coñecemos).
2. Erimsa nos últimos anos fixo
moito dano medioambiental na zona de Mesía, como cambio de augas
subterráneas, o famoso enterramento das vacas “tolas” en canteiras
escavadas a varios metros de fondura, entradas en fincas particulares
sen permiso, enganos na preparación do terreo, non executar os plans de
recuperación medioambientais, deixar balsas abertas de varios millóns de
litros de auga ao aire aberto, etc. Todo o contrario do que predican.
3. Crea malestar e
enfrontamentos, xa que usaron aos seus catro traballadores para
intimidar a veciños e poder explotar as súas terras.
4. Supostamente os traballos
que fai Erimsa nas zonas que traballa a máis de 20 metros de fondura
como na zona de Lanzá, poden activar o Arsénico que pode ir parar as
augas, produto altamente contaminante e moi perigoso, afectando
negativamente a vida das persoas e animais que as consuman. Erimsa non
presentou aos afectados ningún plan corrector de Arsénico nin nunca
informou dos metais pesados que se mobilizan no movemento de grandes
masas de terra.
5. Erimsa traballou en fincas
de especial protección agropecuaria extraendo seixo a varios pares de
metros de profundidade sen ningún impedimento e supostamente, polas súas
declaracións, sen permiso. O cal é moi grave.
6. Recoñece Erimsa que
traballou en miles de hectáreas na zona de Frades e Mesía. As
autoridades deben comprobar e investigar este tema, que aclaren en
cantas hectáreas tiñan Autorización e en cantas NON, así como se
cumpriron os plans de recuperación medioambiental e investigar os
vertidos das augas que saen das súas canteiras, entre elas a canteira
onde enterraron centos de “vacas tolas”.
7. Erimsa acaba de recoñecer
que está SEN Autorizacións da Xunta de Galicia para traballar, pois
procede dicir e poñer en coñecemento das Autoridades que a día de hoxe
están facendo escavacións e movementos de terras no concello de Frades,
supostamente tamén sen permiso, o que pode afectar aos organismos
seguintes: Augas de Galicia. (Zonas dos ríos e fontes afectadas), Medio
Rural (fincas de especial protección agropecuaria), Concello de Frades e
Consellería de Medioambiente (Plan de contaminación de posibles
materiais perigosos como Arsénico ou aluminio, e suposto permiso
municipal), Axencia de protección urbanística (estase danando o solo),
Fiscalía (por supostas irregularidades continuadas).
8. Erimsa remove e quita Seixo
que nunca máis se recupera, quedando un chan danado de por vida para a
actividade agraria, un dano irrecuperable xa que as fincas nunca son o
mesmo e as ganancias enormes que teñen van fóra do país, só aportan dano
ao medioambiente.
A Xunta de Galicia debe actuar canto antes e
responder á chantaxe de Erimsa, así como pedir aos concellos de Frades e
Mesía os permisos cos que conta esta empresa para traballar da forma que
o está facendo.