Descrédito da institución universitaria

A credibilidade da universidade como institución,
xa historicamente moi comprometida por actuacións inapropiadas, inxustas
e ilegais entre as que salienta a endogamia (práctica segundo a cal un
grupo de individuos rexeita ou nega a incorporación de individuos alleos
ao propio grupo).
No ano 2014 educación calculaba que o 73% do persoal docente formábase
no centro onde estaba contratado. Hai máis dunha década o
diario El País publicaba un extenso artigo asinado polo biólogo
Miguel Delibes de Castro e outros doce profesores e catedráticos de
Universidade, no que, baixo o suxestivo título de
“Uno de los nuestros…”, coincidente co dunha das máis
afamadas películas do subxénero do cinema de mafiosos, facíase unha
análise certeira e demoledora sobre as causas e as consecuencias da
endogamia universitaria española.
Ese
descrédito histórico increméntase agora polos escándalos destapados na
Universidade Rey Juan Carlos, ao confirmarse o “regalo” de mestrados
que, nunha sociedade pouco habituada ás dimisións, obrigaron a tomar esa
determinación a unha presidenta de goberno autonómico, a unha ministra e
está en capela o caso do presidente do partido político que até hai ben
pouco gobernaba no Estado. Salientan os casos mediáticos pero a
corrupción destapada, polo menos nesta universidade, estendese a outros
sectores do
alumnado catalogado como VIP.
Parte da defensa das persoas encausadas por estes
procedementos xira arredor do argumento de que se limitaron a recoller
un título outorgado pola universidade e que de existir algún
procedemento ilegal a culpa é da institución que proporciona a
titulación. Non obstante a escusa sinalada, a presión social obrigoulles
a presentar a dimisión.
Do que transcende publicamente dedúcese que, nesta
universidade, confluía un grupo de docentes presto a tratar a
determinada esfera do alumnado dun xeito ilegal, cunha actuación
institucional, igual de irregular, como así se detrae das informacións
que sinalan
matrículas imposibles de realizar atendendo á legalidade,
cambios de notas, a
custodia da documentación...
Mentres
que na órbita política preséntanse dimisións, hai polo tanto
consecuencias, na universitaria tal parece que non pasa nada. Na
Universidade Rey Juan Carlos, xa desacreditada polas acusacións de
plaxio realizadas contra o que foi reitor Fernando Suárez, de
momento sen consecuencias,
caso pechado sen resolver, polo seu sucesor e actual reitor,
semella que os casos de corrupción que se destaparon seguirán o mesmo
camiño.
A Universidad Rey Juan Carlos e a institución
universitaria en xeral póñense de perfil e todo da a entender que nin
haberá investigación nin haberá consecuencias.
Na
reunión do Consello de Goberno do 26/04/2018 ao coñecerse o
caso do mestrado de Cifuentes reclamamos unha acción contundente da CRUE
porque “A universidade pública, neste proceso xa perdeu credibilidade,
queda agora por dilucidar como se sae deste asunto. Se non se actúa con
esa contundencia que se require o dano aínda pode ser maior.” A parálise
constatada do órgano que aglutina aos reitores da universidades
españolas prexudica, como sinalamos, a credibilidade de todas as
universidades. Na vindeira reunión do Consello de Goberno reclamaremos
que na vindeira reunión da CRUE a Universidade da Coruña propoña o
inicio dunha exhaustiva investigación sobre os procedementos seguidos na
URJC e a adopción das medidas a que houbera lugar.