Homofobia e racismo lideran os delitos de odio rexistrados en Galiza, que acumulan 166 vítimas en tres anos

En apenas catro anos houbo rexistrados en
Galiza 253 delitos de odio, sendo a homofobia e o racismo das
principais motivacións que existen nos mesmos. Segundo datos do
Ministerio do Interior, entre 2013 e 2016 –último ano do que se
publicaron rexistros- houbo constancia oficial en Galiza de 101 delitos
de odio motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima (39%).
Nese mesmo período rexistráronse 43 delitos de odio por racismo e
xenofobia, o que supón 17% deses 253.
Aliás, en tres anos (2014, 2015 e 2016) houbo no
noso país 166 vítimas de delitos de odio. En 2014 foron
66, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48
rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por
racismo e xenofobia.
Un de cada tres delitos de odio rexistrados en
Galiza durante 2016 tiña unha motivación racista ou xenófoba. Foron 21
dun total de 60. A discriminación pola procedencia ou raza da vítima
pasou ser en 2016 a principal causa destes ataques. En 2015 era o odio
por ideoloxía e en 2014 e 2013, a principal motivación nos delitos de
odio foi a discriminación por orientación ou identidade sexual.
En 2015 rexistráronse 64 delitos de odio, cifra
lixeiramente superior á de 2014 (foran 62), mentres que en 2013
rexistráranse 67. En total, nestes catro anos o Ministerio do Interior
ten constancia de que se produciron en Galiza algo máis de 250 delitos
de odio, o que deixa unha media dun destes delitos cada seis días.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/homofobia-racismo-lideran-delitos-odio-rexistrados-galiza-166-vitimas-anos/20180913122414072019.html