O Comité Intercentros valora positivamente a manifestación do sábado 8-s e os sindicatos testarán se hai motivos e forzas para convocar unha folga

Despois da histórica marcha-manifestación que
realizamos o pasado día 8, volvemos á carga cun novo #venresnegro,
convocatoria que, despois da demostración realizada, toma novos folgos.
O pasado venres, día 14, mobilizámonos de novo -e xa van
17 convocatorias- loitando contra o desmantelamento, a manipulación e o
incumprimento da lei de medios de 2011. Reiterámoslle tanto ao goberno
como aos seus delegados na CRTVG que non nos imos calar!
Comité intercentros
O comité intercentros reuniuse o día 13 de
setembro, para valorar a manifestación do pasado sábado "Pola dignidade
dos medios públicos de comunicación" e a situación xeral da empresa.
Todos os sindicatos valoramos positivamente a mani pola súa repercusión
mediática, detectando tamén as eivas ou problemas para mirar de
corrixilos. Como seguintes pasos, nun contexto de grave deterioro das
relacións laborais, de represalias e de ausencia de vontade negociadora
por parte da empresa con respecto aos compromisos asumidos no AGA de
negociar as novas funcións das categorías afectadas pola dixitalización
antes da súa posta en marcha (estamos case na semana menos 2), a
CUT propúxolles ao resto dos sindicatos valorar a pertinencia dunha
convocatoria de FOLGA. O resto dos sindicatos quedaron en
consultar e testar o ánimo das súas seccións sindicais. Acordouse
solicitarlle á empresa unha xuntanza para que diga, definitivamente, se
quere asumir ou non os compromisos negociadores antes da dixitalización,
xa que non da sinais de que estea na súa axenda.

Acordouse tamén instar á empresa a unha xuntanza urxente para que aclare
o estado da modificación colectiva de horarios que vén de comunicar a
persoal da RG e da TVG, onde non se atenderon nin as solicitudes de
conciliación presentadas nin o acordado coa representación dos
traballadores/as con respecto á voluntariedade nin ás rotacións.
Con respecto á promoción machista do programa Land
Rober, acordouse pedirlle explicacións ao responsable da programación
(Fernando Rodríguez Ojea) para que explique como se elaborou, onde e con
que medios se gravou e editou, e como se van depurar as
responsabilidades, incidindo na necesidade de recuperar a figura de
control por parte de CRTVG das producións alleas.