A Fiscalía estima que a Xunta vulnera os dereitos fundamentais de CUAC ao impedirlle emitir por FM

Hai case un ano, o 29 de setembro de 2017,
coñecíase a incoación dun procedemento sancionador
por parte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia contra
CUAC FM,
emisora comunitaria coruñesa que levaba 21 anos en antena. A radio
deixou de emitir o 1 de outubro -aínda que continuou a súa vida en
Internet- e
presentou un recurso, lembrando que sempre actuara
de boa fe e que en varias ocasións solicitara unha licenza de emisión,
prevista na Lei do Audiovisual de 2010, unha norma que sucesivos
Gobernos negáronse a desenvolver. O expeciente sancionador
foi arquivado a finais de febreiro, nunha
resolución que aceptaba os argumentos presentados pola emisora e que
recoñecía que a Lei do Audiovisual se está a incumprir. Porén, o Goberno
galego advertía de que esa resolución “racha calquera expectativa de
Cuac FM para volver a emitir na FM" e ameazaba con novos expedientes
sancionadores en caso de que a radio volva emitir por ondas.
CUAC considerou que a Xunta estaba a facer dunha
interpretación restritiva do dereito constitucional a comunicar
recollido no artigo 20.1.a) da Constitución e interpuxo un recurso
contencioso-administrativo por violación dos dereitos fundamentais. O
recurso foi admitido a trámite este verán por parte do Tribunal Superior
de Xustiza de Galicia, que aínda o está a estudar. Porén, como o fondo
do asunto afecta á protección do exercicio de dereitos fundamentais,
o Ministerio Fiscal vén de emitir un informe previo no que lle
dá a razon á emisora comunitaria e conclúe que a Xunta está a vulnerar
os dereitos fundamentais de CUAC ao impedirlle emitir por FM.
O informe alerta sobre todo contra a advertencia
lanzada polo Goberno galego sobre a imposibilidade de CUAC "para volver
emitir na FM" e critica que se aproveite "unha actividade sancionadora
para ir máis alá da comprobación de feitos sancionables e derivar
consecuencias de futuro". Subliña ademais que a resolución da Xunta
supón "unha orde de cesación dunha actividade de emisión audiovisual
garantida polo artigo 20 da Constitución Española".
A Fiscalía sinala a imposibilidade legal de
CUAC para regularizar a súa situación, o que leva a emisora a un "limbo
xurídico", algo do que responsabiliza á falta de desenvolvemento da Lei
7/2010 de Comunicación Audiovisual: "O desenvolvemento desta
normativa e a súa posta en funcionamento non se produciu, polo menos na
Comunidade Autónoma de Galicia. Iso supón un incumprimento dun mandato
lexislativo por parte de alguén que constitucionalmente está obrigado a
cumprir e dar execución do disposto polo representante popular. E
ademais coloca, como neste caso, a aqueles que están xa presentes no uso
do espazo radioeléctrico, nunha situación de limbo xurídico, pois non
poden regularizar a súa situación, e poden quedar ao albur (como neste
caso) de que a Administración decida usar as súas potestades
sancionadoras".
O Ministerio Fiscal recomenda finalmente que "se
dite sentenza na que se declare a lesión do dereito a crear medios de
comunicación social" por parte do Colectivo de Universitarios Activos
(CUAC). CUAC "aplaude" o posicionamento da Fiscalía, "que recoñece que a
Xunta de Galicia está a impoñer unha situación de facto que impide o
exercicio de dereitos fundamentais" e anuncia que, de momento, seguirá
emitindo unicamente a través de Internet pero que "empregará todos os
medios dos que dispoña para garantir o cumprimento real e efectivo dos
dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios
comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces
para iso".
http://praza.gal/movementos-sociais/17451/a-fiscalia-estima-que-a-xunta-vulnera-os-dereitos-fundamentais-de-cuac-ao-impedirlle-emitir-por-fm/