• Número 402
  • 17 de setembro de 2018

CUT - CRTVG

Xuntanza C. Intercentros - empresa: a empresa segue coa liquidación progresiva da produción propia

A parte social criticou de xeito unánime que se afonde na externalización da programación e na redución da programación propia

Na xuntanza celebrada hoxe, 10 de setembro, entre o Comité Intercentros e a empresa, o responsable de programación expuxo sen ningún pudor uns cambios e novidades na programación da TVG que certifican o plan desta dirección para erradicar a produción propia da televisión pública de Galicia. A empresa informou da continuidade de diversos programas,dos cambios noutros e da posta en marcha de novos proxectos na grella pero todos de produción externa.

Pero, ademais, os contidos escollidos para renovar a programación afástanse radicalmente da encomenda de servizo público que ten a CRTVG, xa que todos os novos espazos veñen a sumarse a unha oferta programática de lecer mediocre con escaso interese no deber de información, cultura, educación e entretemento da sociedade, de preservar o pluralismo e promover o emprego da lingua galega. De feito, a liquidación da produción elaborada por profesionais da propia casa chega ata os poucos programas que aínda sobreviven ao desmantelamento, que non só non medran, senón que ata algúns quedan en suspenso "mentres se consolida o proceso de dixitalización", como Parlamento, Vivi-lo Mar ou Labranza. Indignante!!

A parte social criticou de xeito unánime que se afonde na externalización da programación e na redución da programación propia.

Tamén informou a empresa do traslado de cinco redactores/as do cadro de persoal, non de prácticas, á Web e a incorporación do delegado de Vigo como coordinador dese mesmo departamento para as fins de semana. Este persoal escolleuno directamente o responsable do servizo, non se publicitou nin ofertou, malia que a empresa argumentou sempre que se trata dun departamento experimental e de nova creación para xustificar que todo o persoal que traballaba nel era de prácticas e que, por certo, vai continuar maioritariamente contratado.

Canto ao posto de delegado de Vigo que agora queda descuberto, a empresa dixo que polo momento non había previsión de cubrilo. Será entón que era un posto totalmente prescindible creado ad hoc para unha persoa e que desparece cando esa persoa marcha? Nin se molestan en disimular!

Plan de igualdade

Por outra banda, a empresa presentou un borrador do plan de igualdade e acordou coa parte social constituír novamente a comisión de igualdade a semana que ven para analizar a proposta nese marco.