Feijoo quere seguir nomeando as xefaturas a dedo

A Xunta ven de
anunciar a bombo e prato que 591 postos, até agora cubertos a dedo,
pasarán a se ocupar mediante concurso específico, intenta maquillar,
deste xeito, o escándalo que supoñía o uso desaforado que da libre
designación se facía na administración autonómica. O que aparenta ser
unha forma menos discrecional de acceso aos postos xefatura, na práctica
permite facer o mesmo, cámbiase o procedemento para ter o mesmo
resultado, explicámonos.
Proxecto de Decreto remitido aos sindicatos
Sección 2ª.-Concurso específico
Artigo 20.-.Concurso específico.
6.- O concurso específico constará de dúas
fases, a primeira, consistirá na valoración dos méritos, xerais ou
específicos, na forma que se determine nas bases da convocatoria. Esta
primeira fase supoñerá como mínimo o cincuenta e cinco por cento da
puntuación máxima alcanzable.
A valoración destes méritos corresponderá á
comisión de valoración que será nomeada pola persoa titular da
consellería convocante.
A segunda fase na que se valorarán as
capacidades, as aptitudes ou os coñecementos, que se determinarán na
correspondente convocatoria, tales como, a realización de probas de
carácter práctico, memorias, entrevistas ou test profesionais, ou a
valoración de informes de avaliación ou outros sistemas similares. As
características técnicas destes medios de valoración deberán gardar
relación directa co perfil do posto que se vai a prover e garantir o
respecto do principio de obxectividade. Esta segunda fase tamén será
realizada pola comisión de valoración.
Artigo 21. Comisión de Valoración do
concurso específico.
2.- A comisión de valoración adecuarase ao
criterio de paridade entre homes e mulleres , a súa composición
responderá aos principios de profesionalidade e especialización, serán
nomeadas pola consellería convocante e terán a seguinte composición:
-Un/unha presidente/a, a proposta da
Consellería convocante.
-Tres vogais, a proposta da Consellería
convocante.
-Un secretario, con voz e voto, a proposta da
Consellería competente en materia de función pública.
Conclusións:
-
A segunda fase permite unha amalgama de
posibilidades de avaliación que van desde as entrevistas até probas de
carácter práctico pasando pola realización de memorias. Moitas das
posibilidades non deixan rastro, é dicir, @s aspirantes non teñen
posibilidade de demostrar a calidade do procedemento realizado, sendo,
en moitas desas posibilidades que se apuntan nesta segunda fase de
cualificación discrecional.
-
A comisión de valoración ten unha composición que
unicamente contempla a representación institucional, non hai ningún
representante d@s traballador@s
Con este cóctel, na práctica, a Xunta poderá
proceder de xeito análogo ao actual vestindo a convocatoria dun xeito
que semella respectar a independencia do poder político, cousa que se
demostra como falsa.
Os sindicatos teñen de prazo para presentar
alegacións á proposta até ás 14:00 horas do vindeiro 21 de setembro.