• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

STOP Desafiuzamentos

A PAH de Parla detén un desafiuzamento que alarma á ONU

A oficina de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Desc) de Nacións Unidas solicita ao Estado que tome medidas para evitar o desafiuzamento deste fogar

Primeiro día do curso e primeira mobilización contra un desafiuzamento na localidade madrileña de Parla. Fariza B. e Mohammed M. seguirán no seu domicilio da rúa Belén despois de que, pouco antes das 13h, o xulgado encargado do lanzamento suspendese un desafiuzamento sobre o que Nacións Unidas mostrou preocupación hai só unha semana.

A familia de Fariza e Mohammed recibiu o xoves 30 de agosto a notificación do comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Desc) de Nacións Unidas no que esta oficina solicita ao Estado que tome medidas para evitar o desafiuzamento deste fogar composto polos citados adultos e tres menores de idade, dous deles con discapacidade. A pesar da postura do comité, o proceso de lanzamento continuou esta mañá, pero a presenza de activistas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca e as dúbidas do xulgado de Parla encargado do desafiuzamento evitaron que a familia de Fariza quede na rúa.

Como explican ao Salto militantes da PAH, o xulgado decidiu remitir o ditame do comité DESC á avogacía do Estado, un feito pouco frecuente, mediante o que, asegura un dos avogados da organización, o xulgado quere recibir unha pauta antes de lanzar o desafiuzamento. Por este motivo, o xuíz decidiu suspender un desafiuzamento que pasa a formar parte dos asuntos pendentes do Goberno do PSOE para o novo curso.

Con 388 euros de ingresos mensuais e dúas criaturas con minusvalías do 72 e 78 % —unha delas con síndrome de down—, a familia de Fariza e Mohammed espera unha solución por parte dos servizos sociais de Parla ou da Axencia de Vivenda Social da Comunidade de Madrid —antiga IVIMA— que lles permita obter unha vivenda que substitúa ao seu fogar actual. A PAH de Parla reuniuse coa dona do piso —en trámite de recoñecemento dos seus dereitos de herdanza— que se negou, segundo os activistas antidesafiuzamentos, a aceptar un “adiamento razoable” antes da saída da familia. Finalmente foi o xulgado quen decidiu remitirse á oficina da avogacía do Estado para determinar como se soluciona a actual falta de alternativas denunciada pola ONU.

Desde a PAH lémbrase que é a actual lei de arrendamentos urbanos a que xera estas “situacións inxustas”. Desde a PAH piden “que a lei cambie para protexer aos inquilinos, que mostraran boa fe e non se atopou unha alternativa”. Neste sentido, a PAH reclama unha data urxente para a reunión co Ministerio de Fomento, responsable das políticas de vivenda. O PSOE aceptou en xullo manter esa reunión para valorar as propostas da organización sen que ata a data estableceuse un día para o encontro.

 

Requirimento do Comité DESC da ONU.

O Salto