• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Sanidade pública

Sanidade volve ocultar ao Parlamento cantas camas pecha nos hospitais durante o verán

A Consellería límitase a afirmar que cobre "con persoal eventual o 100% das ausencias que se precisen" en "función das necesidades de cada centro"

Unha pregunta "anticuada" sobre un "recurso" que "é importante nos hoteis e non tanto nos hospitais". Así resolveu nos últimos anos o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os sucesivos cuestionamentos dos grupos da oposición e tamén de persoal do Servizo Galego de Saúde a respecto do número de camas que son pechadas cada verán nos hospitais públicos do país ou nos centros concertados que dan servizo á rede pública. Nas ocasións en que a Consellería si dá en responder fíxoo ocultando a cantidade exacta de camas pechadas. Sucedeu en anos pasados e así volveu actuar neste 2018.

O pasado 27 de agosto chegou ao Parlamento a resposta á pregunta que a deputada Eva Solla formulara o 10 de xullo no nome de En Marea para reclamar os "datos referidos ás camas e aos servizos que se van pechar durante os meses de verán nos hospitais do Sergas, así como as vacacións do persoal que se van cubrir en cada área sanitaria" e "o plan que se vai desenvolver diante das situacións de colapso que se están a producir na rede hospitalaria pública". O documento repite en boa medida os argumentos de anteriores veráns e dun comunicado de prensa difundido pola Consellería en xuño, evitando novamente o número reclamado pola oposición.

A Consellería sinala na contestación que o Sergas "planifica todos os anos a adecuación dos recursos asistenciais no período estival tendo en conta o decrecemento da demanda asistencial" que deriva da "diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías" e da "programación das vacacións dos profesionais". Así e todo, mantén, "mantéñense operativos os recursos adaptados a esta realidade" mentres "facilita" que "se poidan levar a cabo obras ou actuacións preventivas e reparadoras en distintas unidades que durante unha época de maior ocupación sería difícil realizar coas máximas medidas de seguridade" e "as menores molestias".

Alén de reiterar que "ningunha destas circunstancias" provoca un "menoscabo" na atención sanitaria e de insistir en que "as camas hospitalarias están todas dispoñibles" se cómpren, o departamento de Vázquez Almuiña limítase a achegar unha cifra: "no ano 2018 durante os meses de verán a porcentaxe media de camas funcionantes será do 88%, aproximadamente un 13% máis das camas ocupadas no ano 2017". Atendendo aos datos máis recentes do Sergas sobre o número total de camas nos hospitais galegos, ese 12% de camas pechadas supón arredor dun milleiro, na liña do advertido polos sindicatos sanitarios a finais da primavera. Ou, o que é o mesmo, o número de peches mantense nos maiores niveis dos últimos anos e moi por riba dos de hai unha década, cando eran pechadas arredor de 500 camas no verán.

Sen datos concretos de persoal substituído

Sanidade evita tamén ofrecer datos concretos a respecto da cobertura das vacacións do persola, tamén reclamados por Solla na súa pregunta. Neste caso a Consellería sinala que "a xestión das ausencias e a planificación das substitucións realízanse tendo en conta a demanda asistencial", o que significa que se "substitúen con persoal eventual o 100% das ausencias que se precisen, en función das necesidades de cada centro". "As ausencias do persoal -reitera a resposta- cóbrense sempre que a demanda asistencial así o require, en garantía da saúde da cidadanía".

En ausencia de cifras concretas, Sanidade agrega que planifica a actividade cirúrxica e a ocupación de camas tendo en conta a actividade de cada área sanitaria nos anteriores veráns. Ademais, subliña, cada hospital conta cun "Plan de Continxencia que permite adoptar de xeito áxil as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais".

http://praza.gal/politica/17389/sanidade-volve-ocultar-ao-parlamento-cantas-camas-pecha-nos-hospitais-durante-o-veran/

Veciñanza de Cangas mobilízase para esixir que o seu centro de saúde non peche por vacacións