• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Denuncia

O risco de pobreza ou exclusión social atinxe en Galiza 612.000 persoas

Por volta de 506.000 persoas, 18,7% da poboación galega, están en risco de pobreza severa

Ingresos inferiores á media estatal; unha taxa de risco de pobreza e exclusión social moi elevada para unha economía que se supón que está nunha etapa expansiva; as persoas que viven en fogares con baixa intensidade no traballo incrementándose progresivamente; unha taxa de pobreza, excluídas as transferencias sociais, que xa se sitúa no 34,64%... Estas son algunhas das conclusións que deixa a análise realizada por UGT de Galiza sobre as condicións de vida dos galegos e galegas.

“Unha situación que é froito dunha recuperación económica que non está a chegar aos traballadores nin aos fogares galegos como consecuencia dun mercado laboral incapaz de xerar o volume de traballo que necesita Galiza e cun emprego xerado de baixa calidade que non ten capacidade para atender as necesidades dos fogares galegos”, afirman desde o sindicato.

Segundo a Enquisa de condicións de vida do Instituto Nacional de Estatística (INE), os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 26.533 euros anuais, 1.025 euros menos que a media estatal.

Se a análise se fai por persoa, tamén resulta negativa, xa que a renda media dun galego ou galega é de 10.753 euros anuais fronte aos 11.074 do resto do Estado.

Outro dato que evidencia que as condicións de vida dos galegos non melloran é o indicador agregado ‘Arope’ de risco de pobreza ou exclusión social que está en Galiza en 22,6%. “Isto supón que hai 612.085 persoas en risco de pobreza ou exclusión social”. E destas, 506.460 persoas, 18,7% da poboación galega, están en risco de pobreza severa. Por último, 65.000 persoas, 2,4% da poboación, sofren tamén carencias de material severas, segundo esta análise.

Outro dado comprendido  no estudo é que 12% da poboación galega vive en fogares con baixa intensidade no traballo. - só se ten en conta á poboación entre os 0 e os 59 anos-. Un fogar con baixa intensidade no traballo é aquel no que os seus membros en idade de traballar fixérono menos de 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia.

Neste punto da análise, resulta destacábel o progresivo aumento da poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo, xa que en nove anos, do 2008 ao 2017, pasou do 7,6% ao 12%.

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/risco-pobreza-exclusion-social-atinxe-galiza-612000-persoas/20180903160336071807.html