• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Opinión - Luís Pérez Serichol

Hai diñeiro para as pensións?

"A tan cacarexada insustentabilidade non se basea nunha realidade obxectiva"

Hai uns días dicíame un pensionista que estaba de acordo coas reclamacións das plataformas de xubilados, pero que había que ser realista, que a ver de onde se saca o diñeiro para financiar o que pedimos.

O pensionista ao que me refiro percibe algo máis de 700 euros ao mes, cos que apenas malvive, pero os numerosos artigos e intervencións públicas de economistas, xeralmente ao servizo de fondos privados de pensións, nos que se afirma que o sistema público é insustentable, así como os numerosos faladoiros de radio e televisión que abundan na mesma idea, influíron nesta persoa e nunha parte significativa da sociedade, ata o punto de considerar unha verdade incuestionable o que non deixa de ser unha patraña interesada.

É certo que as altas taxas de paro, a precariedade dos contratos e os baixos salarios, a inmensa corrupción nas relacións laborais (contratos en fraude de lei, horas extras que non se cotizan, traballadores a tempo parcial obrigados a realizar xornadas de 12 horas, etc.), ocasionadas polas políticas dos últimos gobernos, así como o uso inadecuado do Fondo de Reserva da Seguridade Social, que o deixou case baleiro, causaron unha profunda crise no sistema público de pensións. Pero iso o que indica é que os gobernos –tanto de Zapatero na súa última época, como de Rajoy – fixeron abandono das súas responsabilidades, ao non tomar medidas adecuadas (senón todo o contrario) para impedir ese desastre.

PREMISAS FALSAS.- Pero a tan cacarexada insustentabilidade pregoada por economistas interesados e tertulianos pouco informados, non se basea nesa realidade obxectiva, á que non adoitan prestar moita atención, senón en dúas premisas ben diferentes:

. Que as pensións en España son moi xenerosas.

. Que neste país a proporción de anciáns en relación á poboación xeral é das máis altas do mundo. 

Un recente artigo do catedrático de Economía Aplicada e gran estudoso do tema, Vicenç Navarro, non deixa lugar a dúbidas da falsidade desas afirmacións: Nin as pensións  son moi xenerosas –a pensión media en España é máis baixa que a media na Europa  dos 28, e iso a pesar de que o PIB no noso país é moi superior–, nin a proporción de persoas anciás é das máis altas, pois segundo a Axencia de Datos da UE, a porcentaxe de poboación de máis de 65 anos de idade é lixeiramente inferior en España (19%) que na UE-28 (19,4%), o que deixa claro que non somos un dos países máis envellecidos do mundo e invalida este argumento para xustificar a inviabilidade do sistema público de pensións.

AS PENSIÓNS SON RESPONSABILIDADE DO ESTADO.-

Pero, volvendo ao fundamental: É posible un sistema público que garanta un nivel de pensións suficiente para que as persoas que, por razóns de idade ou por outras circunstancias, non poidan seguir traballando, vivan dignamente e sen sobresaltos? Rotundamente, si. Temos que lembrar que as pensións públicas son responsabilidade do Estado como tal (artigo 50 da Constitución Española) e non da Seguridade Social, que é un  organismo do Estado que só se ocupa de xestionalas.

Unha vez establecido isto, temos que determinar se España dispón de suficientes  recursos económicos para dar cumprimento ao mandato constitucional e a resposta é outra vez rotundamente si, baste sinalar que somos a cuarta economía europea. Outra cousa é se as decisións políticas que se tomaron polos últimos gobernos se orientaron cara a ese obxectivo, e parece claro que non.

Nun país cun altísimo nivel de evasión fiscal e de economía somerxida, o Goberno do PP reduciu o persoal da Axencia Tributaria, que pasou de 28.000 empregados públicos en 2009 a pouco máis de 25.000 en 2018. GESTHA, o sindicato de técnicos de Facenda, estima que cun plan eficaz e con persoal suficiente, poderíanse recadar 40.000 millóns de euros máis e reducir a escandalosa porcentaxe do 25% en que se estima a economía somerxida en España. Pero non parece que, ata agora, houbese moito interese en aumentar a recadación do Estado, perseguindo unha fraude amplamente recoñecida (antes ao contrario, como o demostra a anticonstitucional amnistía fiscal do ministro de Facenda do anterior Goberno, Cristóbal Montoro).

HAI DIÑEIRO PARA GARANTIR AS PENSIÓNS.- É dabondo sabido que para garantir os servizos sociais que a maioría da poboación demanda é imprescindible aumentar urxentemente os ingresos do Estado e si hai diñeiro para iso, aínda que o amigo pensionista ao que me referín ao principio deste artigo, confundido polas opinións interesadas dos detractores das pensións públicas,  se preguntaba de onde se ía a sacar o diñeiro para atender as xustas demandas da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións durante as mobilizacións destes meses pasados.

Pois ben, non é difícil contestar a esa pregunta: O diñeiro hai que sacalo de onde está, e sabemos onde está. Por poñer algúns exemplos,  o Banco Santander obtivo en 2015 uns beneficios de 3.455,2 millóns de euros e en 2016 de 2.326,69 millóns, segundo as súas declaracións fiscais. Canto achegou ao Estado polo Imposto de Sociedades? Nada, cero euros. O mesmo que Bankia e a maior parte dos outros grandes bancos do país, aos que, por outra banda, se rescatou “” con 60.000 millóns de euros, que se dubida en recuperar. O mesmo ocorre coas dez caixas de aforro, a súa achega fiscal tamén é cero. E se miramos ás eléctricas, que encarecen os seus recibos cada ano sen ningunha explicación lóxica, ou ás empresas do IBEX 35, que apenas achegan ao Estado un 5% dos seus beneficios, teremos un panorama máis completo do gran barullo fiscal existente neste país, onde os únicos que de certo pagan os impostos debidos son os que cobran os seus soldos por nómina.

BURLA LEGAL.- E todo isto é formalmente legal, non vaian vostedes a crer o contrario. As numerosas exencións fiscais que gozan empresas como as Sociedades de Investimento de Capital Variable (SICAVs), que tributan o 1% dos seus beneficios, en lugar do 30%, e as variadas bonificacións (esas si que son xenerosas, e non as pensións) permiten ás grandes empresas unhas declaracións fiscais como as que indiquei máis arriba. En definitiva, búrlanse de nós, os cidadáns e cidadás comúns, fixérono ata agora coa conivencia dos gobernos e fano porque poden facelo, porque son esas grandes corporacións as que teñen o poder real.

RETOMAR As MOBILIZACIÓNS.- Un Goberno progresista  non vai poder cambiar esta situación apelando só á boa vontade destes oligopolios ou esgrimindo ante eles argumentos cargados de razóns socialmente xustas ou de simple sentido común. Non hai que enganarse, a situación de privilexio que gozan as grandes fortunas e as grandes entidades financeiras e empresariais só se pode cambiar pola presión social. A presión de colectivos auto-organizados, independentes e autónomos, como as kellys ou as organizacións de mulleres e de pensionistas. Por iso é de suma importancia retomar as mobilizacións este outono. A nosa capacidade de presión nas rúas, defendendo os nosos dereitos, debe contrarrestar a das grandes corporacións para conservar os seus privilexios.

Ou iso, ou perderémolo todo. 

 (*) Luís Pérez Serichol é vicepresidente e portavoz da Asociación para a Defensa das Pensións Públicas de Canarias.

Recollido de Canarias Semanal