• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Lingua - A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística apoia a manifestación “pola dignidade dos medios de comunicación pública” convocada polos comités de empresa da CRTVG e CRTVE-Galiza

A entidade en defensa da lingua súmase ao apoios que as e os profesionais da televisión pública galega están a recibir de centos de entidades do ámbito social, cultural, político e sindical

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2018-. A Mesa fai un chamamento a participar na manifestación convocada o vindeiro sábado 8 de setembro en Santiago de Compostela polos comités de empresa da CRTVG e CRTVE-Galiza pola dignidade dos medios de comunicación pública.

A entidade en defensa da lingua súmase ao apoios que as e os profesionais da televisión pública galega están a recibir de centos de entidades do ámbito social, cultural, político e sindical.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, salientou que “sen RTVG non teriamos novas en galego, nen programación infantil en galego, nen filmes, nen series, nen música en galego. O pouco que o galego existe no audiovisual sería nada sen non existir a RTVG”.

Maceira indicou tamén que “ é necesario dar un impulso novo ao papel normalizador que da razón de ser a CRTVG e facelo desde a pluralidade, a obxetividade e a dignidade. Unha televisión pública galega e de calidade porque o galego precisa de medios de comunicación ao servizo de Galiza e atentos á súa realidade cultural, social, política, que amplíe a oferta a público infantil e xuvenil, que impulsen a dobraxe, a distribución de produtos audivisuais e a produción en galego, e que prestixien a lingua”.

A dignidade no traballo das e dos profesionais é fundamental para manter unha CRTVG viva e de cualidade, e isto é imprescindíbel para unha lingua viva e con futuro.