• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

CRTVG

O Comité da CRTVG pide en Bruxelas a fin da “manipulación” do goberno nos medios públicos galegos

Insta a que se cumpran as directivas de pluralidade nos medios públicos e que se garanta a liberdade de expresión na CTVG.

O Comité Intercentros da CRTVG presentou na Comisión de Peticións de Bruxelas unha denuncia na que se pide á administración europea que tome a determinación de instar o Goberno galego a que se cumpran as directivas de pluralidade nos medios públicos e que se garanta a liberdade de expresión na Corporación.

Unha denuncia na que, explica o comité, se presentan varios casos de “manipulación informativa”. Entre os exemplos máis recentes que se achegaron destas prácticas figura “ a orde dunha redactora xefa para que a información da sentencia da trama Gürtel que condenaba ao PP como responsable a título lucrativo tivese unha duración máxima de 40 segundos ou o silencio ao que se someteron as protestas da cidadanía contra o proxecto dunha mina en Touro”.

Tamén se pide a creación dunha Autoridade do Audiovisual independente, que se regule de xeito efectivo o dereito de acceso da cidadanía aos medios públicos e a elaboración dun Estatuto Profesional.

Esta denuncia vai á Comisión Europea, órgano encargado de aceptala a trámite, e despois volve á Comisión de Peticións, onde se estuda, un proceso que pode tardar de dous a tres meses.

Despois haberá unha fase de debate e exposicións dos distintos voceiros da Comisión, onde terían tamén voz os representantes do Comité Intercentros da CRTVG. Finalmente elaborará un dictame no que poderán instar o Goberno galego a cumprir coa normativa europea. Hai precedentes para ser optimistas; indica o comité: unha recente denuncia de RTVE “acabou cun dictame favorable para as demandas das traballadoras e traballadores”.

Desde a sección sindical da CIG subliñan que a formulación da denuncia foi suxerida pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda ao comité intercentros no mes de maio, no marco do convite para participar na conferencia sobre ataques á liberdade de expresión e de prensa no Parlamento Europeo, organizada polo grupo Verdes-ALE, do que fai parte o BNG.

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/comite-da-crtvg-pide-bruxelas-fin-da-manipulacion-do-goberno-nos-medios-publicos-galegos/20180904164817071823.html