• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Pensións

A Galiza de Feijóo, a zona cero do crac das pensións en España

Resulta evidente que lonxe daquela promesa de crear emprego, o que fixeron as políticas do PP foi destruílo

A comunidade perdeu preto de 48.000 cotizantes desde que goberna Feijóo, e aínda que nela páganse as pensións máis baixas de España, o buraco da Seguridade Social xa supera os 1.600 millóns de euros na primeira metade do ano.

Aínda que o discurso do Partido Popular vende desde hai anos que a súa marca é a mellor garantía para a sustentabilidade do sistema, o certo é que en Galiza, a comunidade autónoma onde máis tempo gobernou en democracia, e onde a formación que preside Pablo Casado presume de saudable xestión e de aplicada implantación do seu proxecto político, o modelo afúndese ano a ano.

Segundo os últimos datos do padrón municipal dos que dispón o Instituto Nacional de Estatística (INE), en España hai 46.572.132 habitantes. E en todo o país, seguindo as estatísticas da Seguridade Social, o Estado paga anualmente 9.629.480 pensións. É dicir unha por cada cinco habitantes. Seguindo as mesmas fontes, en Galiza viven 2.708.339 persoas e páganse 761.894 pensións. Unha por cada 3,5 cidadáns.

As cifras arroiban aínda máis a Galiza se se detalla a relación entre traballadores e xubilados: en España hai 19 millóns de afiliados á Seguridade Social, ou sexa dúas por cada pensionista que se gañou o dereito para cobrar un subsidio. En Galiza os cotizantes representan pouco máis dun millón de persoas: por cada pensión contributiva apenas hai 1,3 traballadores empregados e achegando mensualidades para soster a caixa común.

No territorio sobre o que goberna Feijóo, a Seguridade Social acumula cada ano un déficit de máis de 2.500 millóns de euros ao ano. É o resultado de restar ao que se ingresa por cotizacións sociais -4.993 millóns de euros no 2017- o que se gasta en pagar pensións -7.565 millóns no mesmo exercicio-. E a pesar de que o presidente da Xunta segue alimentando o discurso de que o peor da crise pasou, que o desemprego leva varios trimestres descendendo e que o que resta agora é facer chegar a recuperación a quen aínda non a nota, os números vermellos das pensións galegas seguen engordando e desmentindo a súa tese.

Segundo os informes de execución orzamentaria da Seguridade Social en Galiza, entre xaneiro e xuño abonáronse 3.338 millóns en pensións. Pero a recadación por cotizacións sociais non chega nin aos 1.730 millóns. É dicir, que o buraco a metade de ano xa supera os 1.600 millóns de euros. O máis probable que ao peche do exercicio bata un novo récord.

O feito de que Galiza sexa unha das comunidades onde o sistema deveu en insustentable podería facer pensar que os seus pensionistas viven por encima das súas posibilidades grazas ao resto do Estado. Nada máis lonxe da realidade, porque aquí cóbranse os subsidios máis baixos do país: 794 euros ao mes de media, só por encima de Estremadura e 144 euros -un 15%- menos que a media española. As pensionistas galegas, ademais, padecen unha gravosa discriminación: a súa retribución media non chega nin aos 600 euros ao mes, fronte aos 950 dos subsidios dos homes.

E iso que falamos de medias. Porque a inmensa maioría dos xubilados e as xubiladas de Galiza cobran subsidios de miseria. Hai máis de 27.000 pensións que nin sequera alcanzan os 150 euros mensuais. Unha de cada dez é de menos de 300 euros. O 63% nin sequera chega aos 735,9 euros, cantidade na que se calcula para este ano o salario mínimo interprofesional.

É verdade que o sistema de pensións é unha competencia exclusiva do Estado, polo que os resultados da súa administración en cada territorio non poden atribuírse aos gobernos de quenda das comunidades autónomas. Pero estes si son responsables das condicións demográficas, sociais, laborais e económicas sobre as que ese modelo se asenta, e das que en boa medida depende a súa sustentabilidade futura. No caso da que goberna Feijóo, o Estatuto de Galiza contempla como competencia exclusiva da comunidade autónoma "o fomento e planificación da actividade económica".

O presidente galego iniciou hai case dous anos o seu terceiro mandato á fronte da Xunta, á que chegou na primavera do 2009, en pleno  crac financeiro mundial, prometendo en campaña crear miles de empregos. Xa pasou tempo máis que suficiente como para medir os resultados dese proxecto.

O 1 de marzo do 2009, cando se celebraron as primeiras eleccións autonómicas que gañou Feijóo, en Galiza contábanse 1.032.333 afiliados á Seguridade Social. Segundo os últimos datos do Instituto  Galego de  Estatística (IGE), en xuño pasado eran 1.008.738. É dicir, 23.595 postos de traballo menos, ou o que é o mesmo, outros tantos cotizantes menos. E iso que a cifra de referencia en xuño é máis que enganosa, porque ten en conta as primeiras contratacións da tempada estival. Se se toma en consideración o mes de marzo de 2008, o resultado é que tras once anos de Goberno de Feijóo, Galiza perdeu preto de 48.000 afiliados ao sistema.

Resulta evidente que lonxe daquela promesa de crear emprego, o que fixeron as políticas do PP foi destruílo. E a diagnose agrávase aínda máis se se ten en conta que o sustento ideolóxico desas políticas tamén serviu para xustificar drásticos recortes en sanidade, educación e servizos sociais, para flexibilizar e abaratar os despedimentos e para provocar unha fabulosa caída dos salarios.

Outra nefasta consecuencia do modelo económico do PP. Porque ao contar con soldos cada vez máis baixos, os traballadores e as empresas cotizan menos por cada empregado. No 2009, entre as achegas propias e as dos seus empregadores, cada traballador galego ocupado achegaba 407 euros mensuais á Seguridade Social. Hoxe esa cantidade caeu ata os 286 euros ao mes.

Á vez que se esborrallan tanto os soldos como a cifra de traballadores galegos que contribúen a soster as pensións, dispárase o número de xubilados con dereito a percibilas. En xaneiro do 2005 eran 688.121, e hoxe son case 762.000. Un incremento de 73.773 persoas. Case 50.000 desde que Feijóo é presidente dun Goberno que tampouco fixo nada para resolver a profunda crise demográfica da comunidade, gravemente envellecida e desangrándose a un ritmo de 10.000 habitantes menos ao ano, pola sinxela razón de que o número de mortes supera con fartura ao de nacementos. No 2008, o ano antes da era Feijóo, naceron 23.175 galegos. No 2017, segundo o IGE, non chegaron a 19.000.

Diario Público