• Número 402
  • 10 de setembro de 2018

Universidade

Apertura do curso. A festa da podremia

A universidade funciona como unha industria (crea mercadoría en beneficio do peto empresarial), perdendo o seu sentido educativo

O pasado día 7 oficializouse a inauguración do novo curso académico na universidade galega. Unha institución, a universitaria, podre, na que o affaire dos mestrados  de Casado, Cifuentes e demais, son só a punta do iceberg. Á festa dunha institución podre, clasista e desvinculada dos intereses da sociedade na que desenvolve o seu labor, estiveron convidadas, nun espazo relevante, outras institucións tan podres, ou máis, ca propia universidade. Nos postos preeminentes situáronse os estamentos políticos, económicos, eclesiásticos e militares, o que dá unha imaxe da institución e reflicte en si mesma os intereses que representa.

A pompa dun acto como o que se “celebrou” o pasado venres non pode facernos esquecer, máis ben ao contrario, a ideoloxización, o maltrato e a penuria á que os estamentos sinalados con anterioridade – columna vertebral do sistema - condenan a unha institución como a universitaria que, destinada, entre outras cousas á produción e espallamento de coñecemento que posibilite a visión crítica da realidade social, para facela máis xusta, máis sabia, máis universal, máis equitativa, converteuse nunha mera reprodutora dun coñecemento que se produce en círculos e espazos institucionais de imposible acceso para a clase traballadora.

A universidade converteuse nunha ferramenta máis do capital para dotalo da man de obra que precisa, funcionando como unha industria (crea mercadoría en beneficio do peto empresarial), perdendo o seu sentido educativo.

O discurso neoliberal (tecnócrata) impúxose sometendo á universidade á lei da oferta e a demanda, facendo da institución universitaria, un elemento máis de reprodución do pensamento hexemónico. A universidade que se perfilou está moi lonxe dos problemas reais da sociedade e asume os valores dominantes.

As traballadoras e traballadores da UDC, formamos parte das mecánicas dun sistema universitario que difunde uns valores cos que non concordamos. É a nosa obriga, polo tanto, afastármonos e denunciar a lóxica do beneficio que incorpora a implantación da universidade-empresa destinada, exclusivamente, á produción de traballador@s barat@s e polivalentes, rendibles para o sistema.

Niso estamos.