• Número 401
  • 03 de setembro de 2018

Comité intercentros da CRTVG e Comité de empresa de CRTVE Galicia

Manifestación pola dignidade dos medios públicos de comunicación o vindeiro 8 de setembro en Compostela

Contra a manipulación!

O Comité intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o Comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE Galicia) chaman a todos os traballadores e traballadoras de ambas as dúas empresas e á sociedade galega no seu conxunto a participar na manifestación que convocan para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela pola dignidade dos medios públicos de comunicación.

A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10:30 das instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12:30. O percorrido ata chegar á cidade coincide co último treito do Camiño de Santiago.

Unha vez nã emblemática Praza das Praterías, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo.

Ê a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre. Nace despois de que o persoal puxera en marcha -primeiro en CRTVE e despois na CRTVG- os denominados "Venres Negros", mobilizacións que secundan cada venres os traballadores e traballadoras do centro territorial da CRTVE en Galicia e o persoal da CRTVG en sinal de protesta pola situación que atravesan.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2018

Rolda de prensa e comunicado

Os comités de empresa da CRTVG e RTVE-G convocan para o vindeiro 8 de setembro unha manifestación en Compostela pola dignidade dos medios públicos de comunicación

A marcha partirá dos centros emisores das dúas cadeas en San Marcos ata a Praza das Praterías e rematará coa lectura dun manifesto e actuacións musicais

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2018.- O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o Comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) celebraron esta mañá unha rolda de prensa para presentar a manifestación que convocaron conxuntamente para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela co obxecto de reivindicar a dignidade dos medios públicos de comunicación.

A manifestación consiste nunha marcha que coincide co último treito do Camiño de Santiago cun percorrido que comezará ás 10:30 nas instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, continuará polo Monte do Gozo e a Igrexa de San Lázaro, seguirá arredor das 11:30 por Concheiros e o Cruceiro de San Pedro antes de entrar na cidade vella pola Praza 8 de Marzo arredor das 12 da mañá e continuar por Casas Reais, Praza de Cervantes, Caldereiría e a Praza do Toural, para rematar arredor das 12:30 na Praza das Praterías.

No destino da manifestación vaise proceder á lectura dun manifesto común dos comités de empresa dos dous medios públicos para expoñer a problemática que motiva a protesta e as demandas que pretenden facer chegar á sociedade. O acto rematará coas actuacións musicais de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz na mesma Praza das Praterías

Os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación promoven conxuntamente esta manifestación para reivindicar a dignidade, pluralidade e imparcialidade dos medios e contra o seu uso partidista e a manipulación informativa, logo de que o propio persoal persoal puxese en marcha -primeiro en CRTVE e despois na CRTVG-  os denominados “Venres Negros”, mobilizacións que secundan cada venres os traballadores e traballadoras do centro territorial da CRTVE en Galicia e o persoal da CRTVG en sinal de protesta pola situación que atravesan.

A representación sindical de ambos os dous comités asegurou na rolda de prensa que os medios públicos están nunha situación de deterioro a causa dun modelo de xestión que non atende aos criterios de servizo para os que foron concibidos, con constantes recortes orzamentarios, precarización do persoal e unha externalización da produción cara contidos afastados desa encomenda. Igualmente, os comités demandan un compromiso imprescindible para rematar coas prácticas de manipulación informativa instaladas nas televisións e radios públicas a través de ferramentas normativas eficaces que permitan a erradicación definitiva da inxerencia política nos labores xornalísticos.

Os organizadores convidan a todo o persoal dos medios públicos e ao conxunto da sociedade galega a participar nun acto que definen como un posicionamento a prol do dereito fundamental á información.

Máis información

https://twitter.com/DosPola - https://www.facebook.com/poladignidadedosmediospublicos/ - https://www.instagram.com/poladignidadedosmediospublicos/