• Número 400
  • 25 de xuño de 2018

Universidade

Conclusións do grupo de traballo. Vacacións, permisos, licenzas, conciliación, acción social

Comezamos a andar pero aínda queda para chegar á meta

O pasado día 20 todas as traballadoras e traballadores recibimos un comunicado de CCOO que, ao noso entender corresponde cando menos matizar. Pola nosa parte consideramos que dado que o traballo realizado polo grupo non compromete a ningunha das partes – nin á Xerencia nin á Xunta de Persoal -  é moi aventurado darlle carácter máis aló dunha mera proposta de debate.

O antedito é moi importante porque, a pesar de que no grupo de traballo había representantes de ámbalas partes, o xerente, na última reunión non asegurou a aprobación institucional e sinalou que podía non haber sustento económico para levar a efecto as propostas.

Posto que se fala xa das propostas consideramos que o mellor que podemos facer é proporcionalas para que poidades realizar un balance real do que se tratou nas reunións do grupo. Tedes que ser conscientes do sinalado, o que vos transmitimos son acordos dun grupo de traballo, falta debatelo e acordar coa Xerencia, se é posible, os termos das resolucións correspondentes.

Sobre o acordo en si, consideramos que é merecedor dun debate en profundidade para ser conscientes do transfondo da proposta, entre outras cousas e sen ir máis lonxe:

O peche de centros que computan para vacacións e días libres, a pesar de ser voluntario, con quen se negocia?, que se fai se nun centro un único traballador  ou traballadora (ou máis dun/dunha) opta por non aceptar o período de peche nesas condicións?

Na gratificación de xubilación parécenos que o acordo do grupo debería modificarse para abarcar o cómputo do tempo traballado en calquera administración. Non o dicimos nós, sinálao tamén a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no recurso que un compañeiro do INEF tivo que interpoñer para que se lle recoñecese o tempo traballado na Xunta de Galicia.

En definitiva, comezamos a andar pero aínda queda para chegar á meta.