A xustiza española libera aos violadores. O feminismo responde nas rúas

A Sección Segunda da Audiencia de Navarra decidiu
dar por remate á prisión preventiva que mantiña engaiolados aos cinco
integrantes da Manada, deixando en liberdade provisional desde onte aos
violadores José Angel Prenda, Ángel Boza, Jesús Escudero, Antonio Manuel
Guerrero e Alfonso Jesús Cabezuelo, logo de que fosen condeados a nove
anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha muller durante os
Sanfermins de 2016.
O auto impón unha fianza de 6000€, decretando a súa
liberdade co argumento de que “os acusados teñen a súa residencia a máis
de 500 quilómetros do lugar onde reside a vítima” e que “se pode
garantir a súa tranquilidade e sosiego con medidas menos gravosas que a
prolongación da situación provisional”.
Desde a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das
Mulleres na Galiza amosamos a nosa total repulsa contra este decisión e
contra un sistema xudicial, o español, que ampara a violadores e
desprotexe ás mulleres, e incrementando o risco para as mulleres de que
calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.
A excarcelación dos violadores é coincidente,
porén, co proceso xudicial ou engaiolamento de persoas por participar en
mobilizacións pacíficas, por formar parte dun piquete, por manifestar
críticas ao sistema nas súas cancións, por participar en mobilizacións
contra o franquismo ou a prol do dereito de autodeterminación dos pobos.
Este novo golpe aos nosos dereitos é unha mensaxe
directa do patriarcado, amparado no sistema xudicial. Do mesmo xeito que
se puxo en dubida a veracidade da declaración da muller que tivo a
valentía de denunciar, que viu a súa historia converterse nun relato
mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, o acto de valentía
que representou pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta
da súa vida privada e íntima na que a muller voltou ser violada non só
durante o proceso xudicial, senón ao coñecer a sentenza que os absolvía
do delito de violación, e agora coa súa posta en liberdade.
Condenamos de novo o sistema que ampara a estes
violadores, condeamos que denunciar calquera tipo de violencia fique
impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a
violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo, e
condeamos a súa posta en liberdade. Porque con estas decisións o
patriarcado afortala o seu poder contra cada unha de nós, porque detrás
dunha violación reafirman o poder masculino sobre a especie. Porque a
violación é unha poderosa arma do poder patriarcal empregada polos homes
para dominar mediante o medo, e adoutrinar a outros homes.
Porque o exercizo da crueldade sobre o corpo das
mulleres (e nalgúns casos de homosexuais e persoas transxénero) é unha
mensaxe aleccionadora que o capitalismo patriarcal precisa impoñer a
toda a sociedade.
Por iso, irmás, as feministas galegas, nun acto de
sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia contra as mulleres no
mndo, saímos onte e hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta
sentencia infame por parte do aparato xudicial español, que non fai máis
que darnos, máis unha vez, a razón en que o sistema xudicial, o estado e
o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade
práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra os
violadores da Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia
contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das
que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos
libres.
QUERÉMONOS VIVAS!