De cada catro traballos de fin de grao e master na USC tres son en castelán e un en galego

En 2017 defendéronse na Universidade de Compostela
3.309 traballos de fin de grao (TFG) e 1.164
traballos de fin de master (TFM). En ambos os dous casos, o
castelán foi o idioma elixido pola ampla maioría dos estudantes: en tres
de cada catro traballos ese é o idioma empregado, mentres que o galego
fica reducido a un de cada catro, segundo os dados de O
Cartafol (boletín de normalización lingüística da USC)
Dos 3.309 TFG defendidos na USC en 55 titulacións,
2.456 estaban en castelán (74,2%), 725 en galego (21,9%) e 72 en inglés.
En graos como enxeñería química non houbo ningún traballo en galego. E a
porcentaxe de TFG en castelán en graos como Medicina (96%) ou Farmacia
(94%) sitúa o galego á beira da marxinalidade absoluta nese campo.
En 20 dos 80 mestrados impartidos na USC non houbo
nin un só traballo de fin de master en galego
Pola contra, hai 8 graos en que
estes traballos realizados en galego superaron os feitos en castelán:
graos como xornalismo, ciencias da Cultura, Comunicacuón audiovisual ou
Xeografía e Historia, entre outros.
E nos master? En 2017 defendéronse 1.164 traballos
de fin de master (TFM) na USC. O galego foi o idioma no que se fixeron
275 (23,5%) e en castelán 828 (71%). En 2017 impartíronse 80 mestrados
na Universidade de Compostela. En 20 deles non houbo ningún TFM en
galego. En 5, a presenza de TFG en galego superou ao castelán.
Teses
No 2016 foron lidas na Universidade de Santiago de
Compostela 427 teses de doutoramento, das que a gran maioría, 59%,
estaban en español. O segundo idioma máis empregado nas teses foi
o inglés, en 20% dos traballos, mentres que as feitas en galego e
portugués representan 20% do total (13% en ‘galego’ e 7% en
`portugués’). Máis unha vez, o castelán segue a ser a lingua
predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de
doutoramento: das 427 teses lidas o pasado ano, 253 realizáronse total
ou parcialmente neste idioma.
Sermos Galiza