Demoledor informe do Defensor del Pueblo contra os métodos aplicados no Hospital Psiquiátrico de Conxo

A situación das persoas ingresadas no Hospital
Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, é "moi grave e
preocupante". Así o denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM),
en base a un
informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional
de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo.
O informe "constata a vulneración de dereitos
fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, se atopan vivindo
durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un hospital)
en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de
coidado e de respecto por parte do sistema sanitario e dos seus
profesionais", explican desde o MGSM.
O documento é o resultado dunha visita realizada ao
centro psiquiátrico os pasados días 29 e 30 de novembro de 2017, sen
previo aviso, durante a cal se analizou a evolución do hospital
psiquiátrico, e se entrevistou a algúns membros dos equipos directivo,
médico e de persoal. Tamén se examinaron expedientes persoais e
historias clínicas, entre outros documentos. Así mesmo, os técnicos
mantiveron entrevistas reservadas con algúns pacientes.
O informe salienta unha carencia xeral de recursos
asistenciais para a adecuada atención dos pacientes e a súa insuficiente
protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á
fundación pública). Ademais, cualifícanse as instalacións de obsoletas,
fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a
infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos
clínicos —o informe advirte de que "traballa unicamente unha psicóloga
clínica"— ou de facultativos internistas —só un, o cal é "insuficiente",
dise—. E chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación
das actuacións e funcionamento.
A isto hai que engadir que "as traballadoras
sociais que atenden aos pacientes no centro suplen na práctica as
funcións propias dos titores", o cal causa, "pola especialidade do
centro", que "a carga de traballo para estas profesionais é alta".
O informe destaca ademais a "insuficiencia xeral de
recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria
dos pacientes" ou que existen "dificultades de adaptación que poden
afectar a aqueles pacientes cun período moi longo de
institucionalización".
Tamén censura que "non existe un control oficial
dos pacientes nos que se rexistren os historiais legais e
administrativos" , "non hai un procedemento de seguimento por pacientes"
e "o documento de ingreso voluntario non se asina por ningún
facultativo". E "no rexistro de control de enfermería onde se anota a
supervisión en cada quenda non se cumpre o protocolo de boas prácticas".
Os técnicos alertan tamén de que "no expediente
administrativo de cada paciente non se inclúe copia do informe médico
que se remite ao xulgado coa solicitude de continuar o internamento" ou
que tampouco existe un libro de visita. Ademais, "o acceso dos pacientes
do hospital psiquiátrico ao sistema de queixas e suxestións é
practicamente nulo, dado que o rexistro é único para todo o complexo
hospitalario do que este hospital forma parte".
As deficiencias e vulneracións de dereitos non
rematan aí. Hai "escasa participación dos pacientes no funcionamento
diario do centro", o centro "non conta cun modelo de parte de lesións" e
hai "falta de procedementos de modificación da capacidade en beneficio
da protección da esfera patrimonial do paciente".
A todo isto hai que engadir que "o horario
instaurado para as comidas supón que o tempo transcorrido entre a cea e
o almorzo do día seguinte sexa superior a doce horas", "a intimidade
entre pacientes abórdase con pouca naturalidade" e "as habitacións teñen
aspecto impersoaal", xa que non hai aveños dos pacientes nin
pertenzas".
INMOBILIZACIÓN COMO CASTIGO
No demoledor informe, os técnicos tamén fan
referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de
pacientes con sistemas de suxeición) como "medida de castigo", segundo o
testemuño de varios pacientes. Ao respecto, sublíñase tamén que "os
cuartos individuais onde poidan realizarse contencións mecánicas non
están adecuados a tal uso". Tamén se pide a "instalación dun
sistema de videovixilancia nos cuartos reservados para a realización de
contencións mecánicas no que se graven as imaxes durante un período de
tempo razoable para a eventualidade de que suceda algún incidente".
O informe é moi duro contra algúns métodos
aplicados neste centro psiquiátrico. Así, denúnciase que "se detectaron
casos de sobremedicación de psicofármacos nas unidades destinadas a
persoas con más difícil manexo".
Conxo só obtén unha valoración positiva a actitude
do persoal asistencial, do que se di que "trata aos pacientes con
respecto, agarimo e proximidade". E destácase que "o uso da historia
clínica informatizada no ámbito do Sergas, Sistema IANUS, permite
unha boa sistematización da información e unha abordaxe integral da
situación do paciente".
"Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de
Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del
Pueblo. Pola contra, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de
Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de
hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais
psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso
país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade
definida que corrixa o denunciado polo Defensor", expón ao MGSM.
GRAVES SIGNOS DE DETERIORO NA ATENCIÓN Á
SAÚDE MENTAL EN GALICIA
Coincidente no tempo, o MGSM coñeceu que nalgunhas
áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos
psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización
Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia
fóra das unidades existentes para tal fin nos Hospitais
Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados
Especiais (UCE), situadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación
Psiquiátrica.
"É así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense
producido nos meses de abril e maio deste ano ata catorce ingresos na
UCE situada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo
asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo
goberno do Partido Popular desde o 2009", detallan desde o MGSM.
A causa inmediata destas actuacións, segundo os
denunciantes, é "a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de
Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á súa vez tanto da
insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da
incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de
saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona
agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade
da súa hospitalización".
"Esa actuación dos responsables asistenciais e
xestores dos centros hospitalarios do Sergas derivando a hospitalización
psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas
fóra dos hospitais xerais discrimina inxustamente as persoas con
padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante,
vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación
flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General
de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en
Galicia), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos
asistenciais", proseguen na súa denuncia os asociados no MGSM.
Para estes, tanto o informe do Defensor del Pueblo
como o que está a ocorrer coa hospitalización psiquiátrica son "signos
da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en
Galicia".
"Estanse a ver os efectos da desplanificación
realizada desde o 2009, do incualificable abandono no noso país dos
plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que
aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais, da infradotación
persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde
Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do
agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa
estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade
responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante feitos
como os aquí denunciados", argúen.
O MGSM valora esta situación como de "especial
gravidade", en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que
"segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións
asistenciais pre-reforma psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se
poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta
evolución".
Galicia Confidencial