Represión na Coruña: vergoña e indignidade

O estado reforzou a súa autoridade pasándolle a
tesoira aos dereitos civís, sociais e políticos. No corsé dun Código
Penal endurecido, e elaborado contra a disidencia cabe o esencial. E
para o demais foi que se creou o caixón de sastre da chamada Lei
Mordaza. Con ela a Administración convírtese en xuíz e parte e os
motores da represión sigan a roldar. O Reino de España rescata
agora toda a lexislación de Orde Pública franquista. Normas elaboradas
para oficializar o medo. Todo isto ao paraguas da impunidade policial,
con permanentes cargas desproporcionadas por parte das forzas de
seguridade, e cun aparato xudicial dirixido a que todo o peso da Lei
caia sobre as persoas que ousan infrinxir os seus postulados fascistas.
Un aparato xudicial ben máis indulxente á hora de perseguir, por
exemplo, a violencia patriarcal.
A xeografía da represión é múltiple, e agora
tocoulle á Coruña. Como resultado do brutal desaloxo da CSOA A
Insumisa entrou na cadea un compañeiro nun inconcibible uso político da
prisión preventiva como ferramenta de castigo fronte á
contestación popular, cuns atestados policiais cheos de fabulacións e
claramente inverosímiles. Pero a ciencia-ficción non se detén aquí, como
nos peores produtos cinematográficos de Hollywood un figurante,
o xuíz de garda, coa contribución de Fiscalía, entenderon que
conducta deste activista é constitutiva do tan catalán delito de
sedición. A esta atribución súmaselle, como é obvio, o
pack represivo básico; atentado, desordes públicas e lesións.
Se xa habitualmente a creatividade das forzas
policiais e xudiciais para a persecución da disidencia non ten límites,
desta volta están a atribuírse gravísimos delitos. Aínda que non hai
unha investigación formal por este delito, o que demostra a falta de
credibilidade desta tese, o feito de que o Xuíz de Garda tivese
a ocorrencia de introducir a “sedición” como un elemento de valoración
nas desocupacións devólvenos para atrás na historia. Castigado
con ata 15 anos a quen “se alce pública e tumultuariamente” para
“impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das leis” o
tufo franquista deste tipo delicitvo que serve para o combate ideolóxico
aos “inimigo do Estado pasou desapercibido pola súa crueza para os
xuíces da Restauración Borbónica para rexurdir en pleno s. XXI.
A perigosa moda da sedición pretende activar o medo
e desactivar a resistencia. A loita das activistas antidesafiuzamentos,
dos Comités de Folga, do movemento feminista ou das e dos nosos
pensionistas podería ser encadrada aquí e tal paranoico experimento
xudicial tiña que ter lugar nun espazo de represión da okupación.
Pola súa vez, o desgoberno da Marea Atlántica da
Coruña desmárcase das detencións sinalando que o Concello non ten
responsabilidade algunha. Despois do lamentable teatro antidemocrático
no pleno municipal da concelleira delegada de Seguridade Rocío
Fraga, autora do famoso hit “quen teña probas que as traia”, o goberno
municipal volve mentir aseverando que a Policía Local non presentara
denuncia contra ninguén. Algo que desminte non só o propio
corpo policial, senón o feito obxectivo de que o Sr. Brandariz, xefe da
farándula policial local, rexistrou no Xulgado de Garda unha detallada
nota do acontecido para a súa investigación xudicial.
O desgoberno municipal quere infantilizarnos,
debuxándolle cornos e rabos aos axentes da Policía Nacional e
retratándose a si e á súa Policía Local como as perfectas vítimas dun
complot. Un complot, claro é, do PP (sempre o PP!). Pero o conto xa non
dá máis de si. E o encubrimento por parte do Concello da detallada
maneira na que a Policía Local da Coruña deu conta ao Xulgado de imaxes,
fotogramas, vídeos, identificacións e relatos do desaloxo e a súa
capacidade para mirar para outro lado mentres a súa Policía aplica
cargas desproporcionadas e mercenarias contra o activismo da cidade,
sitúannos ante unha única posibilidade, esixir a dimisión
inmediata de Rocío Fraga, Concelleira con competencias en Seguridade ,
por ternos sometido a un rexime permanente de enganos e falsidades.
Dos relatos posmodernos e de rebeldía estético-revolucionaria non se
vive. Vivir é defendernos a nós mesmas e defender o pan.
A represión na Coruña ten caras, as destas 5
persoas que queren procesar. Podería ser calquera das múltiples
demócratas que se enfrontaron a un desaloxo de faceta múltiple, no que
coincidían as forzas da Marea Atlántica e as policías do PPSOE.
Podemos ter medo, que é un sentimento digno. Pero
non podemos vernos inmobilizadas por el. Toca organizar a rabia a través
da ferramenta da Unidade Popular e poñerlle freo aos gobernos dunha e
outra cor, que botando man da xudicatura e dos corpor policias, queren
poñerlle coto aos nosos soños e, sobre todo, á nosa necesidade de
avanzar.