Cinco sindicalistas declararán como investigados por presuntas coaccións na folga da Xustiza

Cinco delegados sindicais da Administración da
Xustiza en Galicia están a ser investigados e terán que declarar ante a
Fiscalía e ante un xulgado de instrución por un presunto delito
de coaccións tras diferentes mobilizacións e actos de protesta levados a
cabo durante a folga que mantivo o sector case paralizado máis
de tres meses. Son todos eles representantes dos tres sindicatos que
nin asinaron o acordo que puxo fin ao paro nin negociaran
o preacordo que dera lugar á consulta na que a maioría do funcionariado
rexeitara a proposta da Xunta: Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e
CIG. E ven nos procesos unha "campaña de persecución contra as centrais
que non obedeceron a patronal".
En concreto, no xulgado de instrución número 1 da
Coruña investígase a delegada da CIG, Chelo Rodríguez, e o de AX-CUT,
Javier Fernández, a quen se lles abrira un expediente disciplinario por
parte da Dirección Xeral de Xustiza agora en suspenso logo de
abrírselles tamén dilixencias previas tras a súa participación nun
piquete informativo.
O caso é que ambos os dous sindicalistas. foron
falar coa secretaria de Goberno durante un piquete informativo, segundo
aclaran, e foi ela mesma quen presentou queixa ante o Tribunal Superior
de Xustiza de Galicia (TSXG), que remitiu a denuncia á Dirección Xeral.
Máis tarde, o propio xulgado abriu dilixencias previas por coaccións e o
expediente foi suspendido ante un proceso polo que están chamados a
declarar o 4 de xullo.
No caso de Pontevedra, a Fiscalía abriu dilixencias
de investigación onde cita como investigados tres delegados sindicais
por un presunto delito de coaccións tras o acontecido nas
votacións levadas a cabo na capital provincial e en Vigo polo persoal da
Administración de Xustiza o pasado 27 de abril. Concretamente, están
citados o responsable de AX-CUT na Xustiza, Pablo Valeiras, e a súa
compañeira Josefina Iglesias, da mesma central; e o representante do
STAJ, Enrique Araújo.
A Fiscalía de Vigo e de Pontevedra
decidiron abrir a investigación logo de que un delegado do sindicato USO
en Ourense presentase unha denuncia ante o TSXG na que achegou vídeos
sobre o acontecido naquela tensa xornada nos locais de votación
da provincia pontevedresa. No caso da Fiscalía de Pontevedra, foron
chamados a declarar para o día 26 e están á espera do que se resolva das
dilixencias tamén abertas en Vigo.
Os sindicatos afectados ven nestas investigacións e
causas abertas unha "caza de bruxas por parte do Goberno galego e, en
particular, do conselleiro Alfonso Rueda, que emprega a Fiscalía e un
sindicato afín para perseguir". Para Pablo Valeiras, da CUT e en
palabras a Praza.gal, "non hai dúbida" de que todo responde a unha
"manobra" artellada desde a Xunta e repara no feito de que en ambas
investigacións abertas "haxa representantes de AX-CUT". "Xa é
casualidade", engade quen lembra que outros delegados xa foran multados
por un acto en Pontevedra e que advirte do feito de que todos os agora
denunciados pertenzan aos tres sindicatos que non alcanzaron acordo
ningún co Executivo.
Na rolda de prensa, que ofreceron este xoves en
Vigo varios delegados do tres sindicatos, acompañados do portavoz de En
Marea, Luís Villares, e o deputado do BNG Luís Bará, os demandados
vincularon estes feitos a "unha cuestión política de
reprender os que non obedeceron á patronal, neste caso á Xunta".
"O motivo da represión é que para gobernos afeitos a usar o rodete (son)
un mal exemplo" porque se negaron "a asumir o mandato", dixo Valeiras.
Para Araújo, o obxectivo da Xunta foi sempre que
non frucitificase un éxito que podía ser "un exemplo", polo que agora,
"apoiándose nun sindicato amigo, SPJ-USO, o que quere é que acabe a
folga como un mal recordo". "Non lle valeu só con asinar un acordo por
detrás, un acordo malo, tanto que foi rexeitado pola maioría en
votación.... Agora pretende apertar os demais sindicatos, os compañeiros
máis activos nesta loita", dixo. "Non é unha casualidade,
porque o propio Rueda dixo que houbera intimidación e tiña que haber
denuncias", engadiu, logo que todos cualificasen de
"mentira" as acusacións de que se impediu o voto.
Por outra banda, Chelo Rodríguez asegurou que o
proceso é "unha persecución sindical" para que os traballadores
permanezan "calados" e poder "estigmatizar" os sindicatos que non
asinaron como "os violentos e os que nunca asinan". Xosé Barreiro, de
CIG, agregou que "a represión sindical por parte da Xunta é moi clara,
porque hai medios suficientes para non ter que chegar a este punto".
Ante isto, advertiu que "a vía penal pode funcionar nos dous sentidos,
está aberta para todos". "Aviso a navegantes, porque se cadra acaba indo
declarar algún xefe de servizo ou o director xeral, e algún sae máis mal
parado do que pensa. Non é ningunha ameaza, pero que saiban que a este
xogo podemos xogar os dous", dixo antes de advertir de que probablemente
se leven a cabo accións penais "para ir contra dos posibles responsables
da administración".
Ademais, tanto En Marea como o BNG trasladaron o
seu apoio aos sindicatos nestas reivindicacións e lembraron que a folga
foi "histórica, exemplar, con seguimento masivo e unidade sindical".
"O PP tentou entorpecer as mobilizacións, perseguir os
traballadores e prolongar (o conflito) artificialmente porque
non quería un acordo", dixo Vilares.
Pola súa banda, Luís Bará denunciou tamén a
actuación da Xunta durante a folga e a "actual persecución dos
sindicatos e do sindicalismo reivindicativo e rebelde, fronte a outro
máis dócil e domesticado que lle gusta ao PP, para alimentar unha
estratexia de amedrentamiento e escarmento".
Praza Pública