Alerta na universidade: O Estado deita a carga nas familias, e non todas poden os casos da UVigo e UDC

Vigo, Coruña, 22 de xuño. Hai só tres anos que o
Ministerio de Educación inclúe no seu informe anual as cifras de
abandono no sistema universitario español. A taxa media no curso 2013-14
foi dun 19% para estudantes de primeiro ano. En Galiza, do 13,6%.
Daquela, o Ministerio sinalaba que o abandono dábase principalmente nas
universidades públicas e con maior intensidade, no ensino non
presencial. Para o curso 2014-15, o segundo informe reflectía un aumento
da taxa até o 21,2% entre a cohorte de alumnas e alumnos de primeiro
ano. A análise xa avanzaba datos agregados de dous cursos, e a taxa en
Galiza era do 15,3% no primeiro ano e do 18,7% no acumulado. No 2015-16,
o último informe dispoñible, a taxa de abandono en Galiza nos dous
primeiros anos subira até o 21,9% (un de cada cinco mozas ou mozos
deixaban os estudos antes de completar o segundo ano). Os datos sobre o
terceiro ano advertían dun abandono nesa altura do 3,2%; é dicir, o
acumulado era do 22,2%.
No portal de transparencia da Universidade de Vigo
(UVigo) no hai información dispoñíbel sobre os últimos cursos (2015-16 e
2016-17). Aparecen os datos relativos aos cursos previos. No período
comprendido desde o 2009 até o 2015, un 15% dos alumnos matriculados
abandonou os estudos sen rematalos. Hai unha morea de motivos que levan
ao abandono. A notábel e subida periódica das taxas despois da crise, a
redución de bolsas, a falta de recursos para afrontar os pagos…
Para o coordinador do duplo grao Dereito e ADE na
Uvigo, Jorge Falagán, a imposibilidade de pagar a matrícula non entra
entre os principais motivos. “En primeiro lugar, está a falta de
información previa dos alumnos sobre a realidade que se van atopar”, di,
e considera que “as universidades teñen que ir moito máis aos centros de
secundaria”. Falagán sinala como segunda causa a falta de convicción e a
visión “práctica” á hora de seleccionar os estudos. “É moi recorrente o
de vou facer Administración de Empresas porque ten moitas saídas… Pois
se veñen sen convicción, e a iso lle sumamos a desidia xeneralizada que
hai na universidade, ao final a xente desmoralízase”.
O grao en Dirección e Administración de Empresas é
o que maior número de matriculacións tivo neste lustro (2.315) pero
tamén o que mais baixas contabiliza, 377, o que supón máis dun 16% de
taxa de abandono. Jorge Falagán relaciona estes datos có elevado número
de prazas ofertadas, “na miña opinión, son demasiadas”, xa que “o 30%
cóbrense en setembro, cando hai moitos centros que xa teñen os grupos
pechados, así que antes de perder un curso prefiren vir aquí”.
Dúas enxeñerías completan o podio de baixas:
Enxeñería de Tecnoloxías e Telecomunicacións, na que 182 dos 837 alumnos
matriculados neste período non concluíron os estudos (21,7%), e
Enxeñería Mecánica, na que abandonaron 152 alumnos de 1.237 matrículas
(12,3%).
“Se non tes catorce
‘pavos’ todas as semanas para fotocopias, fódeste”
Isaac, pontevedrés de 28 anos, abandonou os seus
estudos de Socioloxía na Universidade da Coruña (UDC) este curso.
Deixara o instituto aos 16 anos, en terceiro da ESO, pola situación na
casa tivo que buscar traballo. Aos 24 decidiu rematar o instituto
asistindo a clases pola noite mentres traballaba. No 2014 fixo a proba
de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Sacou un 4,98. Optou
por terminar Bacharelato e preparar a selectividade. Sacou un 5,48 de
media nas materias xerais, lonxe do 6,5 necesario para a bolsa do
Ministerio. Matriculouse en Socioloxía sabendo que non ía ter beca.
Pasou un verán traballando para xuntar cartos para matrícula, uns 590
euros para carreiras de letras (840 para carreiras de ciencias na UDC).
Debía cubrir os gastos de aluguer e desprazamentos. Aforrou e o primeiro
cuadrimestre aprobou as cinco materias. No segundo empezáronlle a faltar
cartos. “Se non tes catorce pavos todas as semanas para
fotocopias, fódeste, porque á Internet non o van subir”.
Topou un traballo como camareiro. Once horas cada
día. Suspendeu dúas materias. Tampouco tería bolsa ao ano seguinte. No
verán seguiu traballando. O primeiro cuadrimestre puido resistir. No
segundo, de novo buscou traballo. E outra vez dúas suspensas. Así chegou
a principios deste curso (2017-18).
Non puido conseguir os mesmos cartos que nos veráns
anteriores. Pagou os dous primeiros prazos da súa matrícula, mais non
puido co terceiro. “Deixei que me viñese con recargo esperando poder ter
conseguido o diñeiro”, conta, “e entón chámanme da Universidade e dinme
que van dar de baixa a miña matrícula por non pagar o terceiro prazo. Eu
preguntei se non había outra posibilidade e dixéronme que se podía facer
un Tribunal de Alzamento…”. Lamenta que non lle ofreceran ningunha outra
saída: “Non teño un peso, estou traballando para estudar, non podo
seguir porque non me dá a pasta…”
Isaac non cre que poida volver estudar. O próximo
ano tería que pagar a débeda coa Universidade, e non tería dereito a
facer os exames das materias pendentes, e custaranlle máis por ser a
segunda vez que as cursa. O prezo medio dunha materia de primeira
matrícula é de 98 euros en letras, o da segunda é de 136: una suba do
38%. Sae caro suspender… ou non poder presentarse, polo motivo que sexa,
mesmo por falta de cartos.
Na UDC, en letras, a subida no prezo da segunda
matrícula nunha materia é do 38%: de 98 euros a 136. Sae caro suspender…
ou non poder presentarse, polo motivo que sexa, mesmo por falta de
cartos.
A Universidade da Coruña non ten rexistros
específicos sobre as causas do abandono. Tampouco puido ofrecer datos
sobre as taxas de abandono nestas semanas de mudanza de equipo de
goberno. A vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión
Universitaria da UDC, Margarita Amor, di que “temos considerado a
contabilización mais sempre sairía inferior á real, porque ante a
sensibilidade destes casos e a enorme casuística, non é viable
contabilizalos”.
A UDC dispón dunha bolsa de axuda para alumnas e
alumnos en situacións de dificultades económicas. No curso 2017-18 tivo
un orzamento de 30.000 euros. Gastáronse 27.582 para dar axuda a corenta
estudantes, que recibiron dende 200 até 1.300 euros segundo o caso. Amor
admite que habería que baixar os requisitos para solicitar a bolsa do
Ministerio e que puidese chegar a mais estudantes que necesitan desta
axuda para poder realizar os seus estudos. “Non hai que esquecer que as
causas que conducen a dificultades económicas afectan tamen aos
estudos”, recoñece.
Desde a asemblea coruñesa do sindicato de
estudantes Erguer sinalan que as bolsas son decisivas para moitas
alumnas e alumnos. “Se non chega a bolsa do transporte ou a bolsa da
matrícula non poden continuar os estudos. Moita xente opta por buscar un
traballo. E a universidade, se presentas o teu contrato laboral,
exímeche das aulas presenciais. Pero nos traballos non pasa, e en tempos
de exames deixas materias para xullo. Na práctica non serve para nada
que as universidades fagan iso”, explica Ana, que reclama máis recursos
para as bolsas e advirte que “moitas buscan traballo para non ser una
carga económica para os pais, daquela o problema é que os recursos
económicos que pon o Estado e a Xunta non chegan”.
“Moitas buscan traballo para non ser una carga
económica para os pais, daquela o problema é que os recursos económicos
que pon o Estado e a Xunta non chegan”.
“Unha putada: cambiaron as normas”
Paulino Pedro, matriculado en Bioloxía na Uvigo no
curso 2011/2012, foi merecedor da bolsa do Ministerio até o curso
pasado, cando tiña que aprobar máis do 50% das materias. Traballaba como
camareiro nun bar do barrio vigués de Hispanidade. “Unha putada”, di,
“cambiaron as normas da beca”. Aprobou cinco de dez. “Saíume a devolver…
Tiña un prazo moi curto para pagar tódalas taxas, ou quedaba fóra, e
fiquei fóra. Non puiden xuntar o feixe de cartos dunha tacada. Se aínda
tivese oportunidade de fraccionar os pagos mentres sigo estudando, vale,
pero así non hai maneira”.
Aos 26 anos ten aparcado o seu soño de ser biólogo.
“Quen sabe? Quizais en dez ou vinte anos podo regresar ao meu país, a
Angola, e alí traballar como biólogo; pero sen saír de España, teño as
miñas dúbidas”.
Non todo vai mal nas universidades galegas.
Escoiten se non o que dixo o vicerreitor de Economía e Planificación da
UVigo, José Manuel García, o pasado día 23 de maio na despedida do
anterior Consello de Goberno: “Despois de facer o cálculo definitivo da
prorrata do IVE pechamos un ciclo de resultados económicos en
equilibrio desde 2012, que desexamos sexa o camiño nos resultados a
conseguir no futuro”. A UVigo, explicou, acadou beneficios (ao parecer,
duns 1,3 millóns de euros).