Contra a mina de Touro-O Pino: Unha loita global contra o capital

Mentres as rúas de Compostela se enchen de
dignidade, mostrando o carácter combativo do pobo traballador galego na
loita contra a mina de Touro-O Pino e as multinacionais mineiras -como
xa demostraramos na loita contra a mina de Corcoesto-, en moitas
partes do mundo os pobos tamén están loitando contra estas
multinacionais asasinas. É unha loita que forma parte inseparable do
combate a escala mundial polo dereito dos pobos sobre os seus propios
recursos, a súa auga, os seus bosques e a súa terra.
O día 22 de maio, cando se presentaba a
manifestación de Compostela, no Estado Tamil Nadu (India)
a policía mataba a 13 persoas e fería a máis de 80.
Manifestábanse contra a mina de cobre e a unidade de fundición máis
grande da India, que pretendía explotar a empresa Starlite Copper,
filial da multinacional británica Vedanta Corporation en Thoothukudi.
Despois destas últimas manifestacións, o proxecto foi paralizado, logo
dunha loita de 20 anos.
Nas áreas selváticas da India onde as comunidades
Adivasis son ampla maioría, o Goberno está levando acabo unha guerra
contra o seu pobo baixo a chamada Operación “Caceria Verde”.
Esta práctica xenocida está a ser empregada, entre outros
obxectivos, para acelerar o desenvolvemento de proxectos de megamineiría
de grandes multinacionais.
O antropólogo indio Felix Padel (2006) expón que en
certos Estados da India estase producindo un “xenocidio
cultural” debido ao desprazamento obrigado das comunidades
Adivasis, así como á extrema violencia empregada polo
Estado para combater á guerrilla naxalita -integrada maioritariamente
por comunidades Adivasis e Dalits-, co obxectivo de poder explotar
os recursos mineiros que se atopan nestas zonas.
Este antropólogo analiza a estrutura social das
comunidades Adivasis empregando os dominios clásicos en antropoloxía
-como o sistema de valores, o sistema de parentesco, organización
política, educación e economía-, para corroborar que estase producindo
un “xenocidio cultural”. Chama a atención sobre o feito de que a
confiscación repentina das terras onde viviron os seus antepasados
produciu o colapso das comunidades. Xa non son capaces de producir os
seus propios alimentos, e os seus integrantes son obrigados a gañarse a
vida a través de degradantes e esgotadores traballos para os mesmos
proxectos que destruíron os seus fogares.
Pero malia esta situación, os pobos Adivasis e
Dalits están a loitar de forma militante e de maneira organizada contra
estas multinacionais, estranxeiras ou domésticas -como Tata, Essar,
Jindal, Mittal, Neco, Vedanta, Posco, Salem, TPG, etc.-, para que se
respecten os seus dereitos sobre os seus propios recursos, a súa auga,
os seus bosques e a súa terra.

A práctica de asasinatos e a violación de dereitos humanos e
ambientais é común por parte deste tipo de multinacionais en todo o
mundo. Un informe de Global Witness denunciou que
máis de 200 persoas defensoras da terra foran asasinadas só no ano 2016.
Esta situación persiste.
No Perú, por exemplo, o 3 de abril deste ano, na
comunidade campesiña de Alto Huarca en Espinar (Cusco), manifestantes
contra o desaloxo de familias para facer unha vía de acceso a unha mina
de cobre da multinacional Glencore foron brutalmente agredidas pola
policía, quedando tres delas en estado moi grave. Xa nas protestas do
2012 houbera 3 mortes e máis de 100 feridos, e o alcalde, que apoiou as
mobilizacións, estivo preso temporalmente. Os gobernos peruanos
teñen reiteradamente favorecido multinacionais mineiras, repetíndose
desastres semellantes aos de Espinar, sen respecto para as comunidades
locais, con expropiacións forzosas, envelenando as súas augas e chans
con metais pesados tóxicos como o mercurio, cadmio, arsénico e outros,
causando numerosas mortes e destruíndo a paisaxe, auga e solo.
A multinacional Suíza Glencore acumula
centos de denuncias por vulneración de dereitos humanos e asasinatos de
activistas no Perú, Filipinas, Colombia, a República Democrática do
Congo e Zambia.
Desta multinacional suíza ven o “sicario”
que pretende explotar a mina de Touro-O Pino, un galego chamado Alberto
Lavandeira. Lavandeira foi presidente de Río Narcea, a
empresa que foi titular dos dereitos mineiros de Corcoesto antes de
traspasarllos a Edgewater. Tamén ten unha grande experiencia na R.D. do
Congo.
Baixo a dirección deste “sicario” o capital
financeiro internacional pretende aproveitarse das riquezas da nosa
terra. Lembremos que Atalaya Minning -a empresa que pretende explotar a
mina de Touro-O Pino- está formada por diversos fondos internacionais.
Trafigura Beheer BV (22% do capital) e Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd
(21,9%) son os primeiros accionistas, así como Majedie Asset
Management Ltd (6%), Liberty Metals & Mining Holdings LLC (13,8%) e
Orion Mine Finance (14,5%).
Así é como se comportan de verdade estas
multinacionais. Aparentemente chegan para contribuír ao
“desenvolvemento” dos pobos, tentando crear a clásica estratexia do
“divide e venceras”, ofertando uns cantos postos de traballo e
explicando que non van a ter problemas medioambientais, que ese é o
camiño para o “progreso” da zona. Así pretenden dividir a
veciñanza e crear un clima de confrontación entre veciñas e veciños.
Tamén tentando criminalizar e desprestixiar -como fixo o “sicario”
Lavandeira nunha entrevista na Voz de Galicia do 27 de febreiro deste
ano-, para deter a mobilización social, e así garantir, sen oposición,
os seus proxectos.
Para iso estas multinacionais dótanse de todo un
aparato político, económico e, dependendo do contexto, incluso militar.
Empregan, segundo as súas necesidades, alianzas con avogados, medios de
comunicación, corpos e forzas da seguridade do Estado ou paramilitares
se é necesario. Todo isto amparados polas leis e políticos “amigos”,
dispostos a facer de lacaios destas empresas, esquecendo ao seu pobo e a
súa terra. A Lei de Depredación aprobada pola Xunta de Galiza é un bo
exemplo do carácter cómplice e servil destes políticos.
Dende a súa chegada ao goberno da Xunta, Feijoo
tratou por todos os medios que os seus amigos capitalistas se fixeran
con terras, minas, contratos, arrendamentos e oportunidades de negocio.
O proxecto da mina de Touro-O Pino tense que ver á luz desta realidade.
A vida social do pobo quedará negativamente afectada, o equilibrio
medioambiental, a vida económica, o modo de vida, a vida cultural e a
composición social, todo resultará destruído. Ás clases dirixentes e
explotadoras no lles interesa o máis mínimo a nosa vida. So buscan
os seus beneficios.
Pero a resistencia percorre o mundo,
para demóstralles ás clases explotadoras que as clases e pobos oprimidos
non estamos dispostas a seguir cun sistema capitalista xenocida, que só
coñece a morte e a destrución.
Praza Pública