A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Wikipedia non permite os topónimos galegos na súa forma legal e oficial

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018.- A Mesa
pola Normalización Lingüística denuncia que Wikipedia non permite os
topónimos galegos na súa forma legal e oficial amparándose na súa
política de empresa.
Wikipedia que ten como lema “a enciclopedia libre
que calquera pode editar” prohibe editar a toponimia deturpada (casos
como Arteijo, Tuy, Órdenes, Rianjo, Puentecaldelas ou Isla de Arosa
entre outros moitos). Cando procedemos a editar os topónimos deturpados
desde Wikipedia voltan a cambialos e responden: “He revertido tu
edición en Anexo:Municipios de Galicia por población por contravenir la
política oficial TOES.”
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización
lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como
única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as
legais a todos os efectos”. Co fin de cumprir esta obriga, a Xunta de
Galiza publicou o Decreto 189/2003, do 6 de febreiro; o Decreto 6/2000,
do 7 de xaneiro; o Decreto 332/1996, do 26 de xullo; e o Decreto
219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente
ás entidades de poboación das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e
Pontevedra, respectivamente, e onde aparecen as formas toponímicas
xenuínas e oficiais.
En canto ao nome oficial das provincias galegas da
Coruña e Ourense, o Goberno español aprobou no ano 1998 a Lei 2/1998, do
3 de marzo, sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e
Orense onde se obriga a empregar as xenuínas e únicas formas oficiais A
Coruña e Ourense para as denominar.
Na convención específica para topónimos de España
de Wikipedia en español recollen que os topónimos do Estado español
deben utilizarse en castelán, e que aludir ás leis que regulan o uso de
topónimos tampouco é un argumento válido xa que “regulan só o ámbito da
correspondente documentación e sinalización oficial non o resto dos
usos”. Non é comprensíbel como para wikipedia as leis non son un
argumento válido. +https://es.wikipedia.org/wiki/Toponimia_de_Espa%C3%B1a
Tamén afirman que esa é a política actual da
empresa a cal se debe respectar e se insistimos en pór os topónimos na
súa forma oficial seguramente serán traducidos ao castelán nun futuro.
O presidente da Mesa pola Normalización
Lingüística, Marcos Maceira, apuntou que “non empregar a forma oficial
dos topónimos é unha discriminación e un ataque directo cara á lingua
galega” e quixo deixar constancia de que o de Wikipedia non é un caso
illado. Segundo Maceira, “as grandes empresas como Wikipedia e Google ao
empregaren os topónimos galegos deturpados están vulnerando os
dereitos lingüísticos”.
Precisamente Google é a empresa que máis queixas
recibe a través da Liña do Galego por deturpación de topónimos chegando
a acadar no ano 2017 o 6% do total das queixas recibidas neste servizo
ao longo de todo o ano.