• Número 399
  • 18 de xuño de 2018

CUT - Política Social

A Sección Sindical da CUT da Consellería de Política Social continúa coas asembleas nos centros

Das asembleas e conversas realizadas saímos convencidas de que o proceso que seguimos é o correcto

Despois da asemblea realizada, na primeira semana do mes, no Centro de Atención a Persoas Maiores Volta do Castro, nesta pasada semana visitamos o Centro de Maiores Torrente Ballester e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña. (C.A.P.D.).

En ámbolos centros deixamos follas de sinaturas coas que iniciamos o proceso de reclamación para que se nos compensen os domingos e festivos que traballamos.

Das conversas que mantivemos coas traballadoras e traballadores constatamos que as problemáticas e preocupacións son diversas. Nalgún caso derivan dunha situación laboral abafante, circunstancia á que hai  que xuntar outros conflitos como o da precariedade laboral e a incerteza xeneralizada nas compañeiras e compañeiros que non saben ou non están de acordo no procedemento seguido para darlle solución. A carga de traballo que ten unha relación directa coa gran magnitude de IT que se da nos centros que visitamos foi outro elemento que apareceu como relevante nestes contactos. Ao remate deste primeiro percorrido polos centros faremos un resumo coas conclusións e as propostas que nos transmitiron as compañeiras e compañeiros.

De momento, a raíz da visita ao Centro Volta do Castro, interpuxemos unha denuncia en Inspección de Traballo porque a estas alturas do ano, as quendas de vacacións aínda non están publicadas.

Das asembleas e conversas realizadas saímos convencidas de que o proceso que seguimos é o correcto. A interlocución directa coas compañeiras e compañeiros é imprescindible se realmente queremos ser quen transmita as súas preocupacións, inquedanzas e reivindicacións.

A nosa iniciativa, reivindicando a compensación do tempo traballado en domingos e festivos, tivo efecto noutras organizacións sindicais que, agora, reclaman reunións para abordar unha reivindicación que aparcaron desde hai anos, dámoslles a benvida.

Apostamos decididamente polo camiño iniciado que terá continuidade pois realizaremos visitas periódicas a tódolos centros. De momento continuamos coa programación deseñada, o día 28 estaremos en Ferrol, Carballo e Compostela,

Día 28 de xuño, asembleas en:

Ferrol, Carballo e Compostela: Porta do Camiño

Orde do día:

-       Situación do Comité de Empresa

-       Situación da temporalidade

-       Sinaturas pola reposición do artigo 19 do Convenio Colelctivo

-       Situación no centro de traballo