Xunta e Fiscalía, represión sindical

A folga da Xustiza feriu nas entrañas do
poder. Non poden permitir que sexa nun dos piares do seu estado
de “pseudodereito” onde se dea exemplo de loita de clase e confrontación
directa coa patronal, desta vez pública.
No seu esquema de valores capitalistas, o
funcionariado debe dobregarse aos intereses da clase dominante e
comungar coas súas ordes; pero a Xustiza dixo non. Mantiveron
unha folga de tres meses cun seguimento xeral superior ao 85%, rompendo
os esquemas da Xunta e resistindo ao seu despotismo e prepotencia.
Só puideron pechar o conflito coa colaboración habitual dos
sindicatos amarelos que maman os cartos públicos para esquecer
a súa conciencia; é a factura da corruptela nacida do réxime do 78.
A historia, unha vez máis, demostra a
falacia da suposta separación de poderes. A Xunta ordena: hai
que cargarse aos sindicatos que nos botaron o pulso, hai que
descabezalos, hai que aniquilalos de aquí ás seguintes eleccións. A
fiscalía obedece: incoamos expedientes pola vía penal. A por eles oe!
Non calcularon ben a forza que tiña a dignidade das
traballadoras da Xustiza na folga e volven calcular mal de novo. Canta
máis represión, máis resposta atoparán en nós. Dende a CUT poñémonos en
marcha dende agora para mobilizarnos polos compañeiros e compañeiras
represaliadas da CUT, do STAJ e da CIG. E comezamos cunha
concentración o venres día 22 de xuño ás 10:30
diante da Audiencia de Pontevedra onde ten que
acudir a nosa compañeira delegada Josefina e Kike do STAJ.
Seguiremos con outra concentración diante dos
xulgados da Coruña o mércores 4 de xullo ás 12 horas
acompañando a Javi da CUT e Chelo da CIG.
A súa represión non nos amedrenta, fainos máis
fortes!!