• Número 398
  • 11 de xuño de 2018

Opinión-Diego Lores

A precariedade oprime a diario

Cómpre tamén retrucar ás simulacións de participación que nos ofrecen, cómpre defender que no tecido comunitario esteamos todas e non só minorías ou elites

Podemos medir en horas as ideas que defendemos. Dito doutro modo, a nosa ideoloxía expresase no noso día a día-non sen contradicións- a través do tempo que lle dedicamos a poñer en práctica as nosas teorías sobre a vida e o mundo. Dende os poderes seica se decataron disto.

As que habitan nas periferias saben, e sobre todo padecen, que a precariedade oprime a diario. Temos nas últimas décadas a precariedade como unha nova forma de control que penetra, sen facer moito ruído, nas nosas formas de (sobre)vivir.

“Non teño tempo”, “non me da a vida” son frases que resumen a presión na que vivimos para poder chegar a uns mínimos. Xuntar emprego precario con elevados prezos de necesidades básicas como vivenda, enerxía, transporte, alimentación... limitan o futuro e crean desmobilización.

“Nin pensei en participar no ANPA da escola. Non piso o colexio: deixo ao neno na parada do autobús antes de currar. Ao saír do comedor recólleo a avoa. Coñezo ás familias do resto de crianzas polo grupo de whatsapp de clase”.

“Levo tres semanas e case non falo con ninguén. Os fixos, xente maior que leva toda a vida na empresa, apenas teñen relación cos que entramos a través de subcontratas. A xente nova bota uns meses e logo aparecen outros”.

Dicía nunha entrevista Pedro Bravo que “vivir a vida low cost significa que os traballadores tamén o son”. Conscientes destes atrancos cómpre seguir matinando, moitas e moito, en como facer para reverter esta situación. Por sorte nisto non partimos de cero, temos memoria e tamén experiencias como as do pasado 8 de marzo, no que os movementos feministas berraban que saían ás rúas polas que non estaban, polas que o capitalismo e o patriarcado lles ven negando a participación.

Cómpre tamén retrucar ás simulacións de participación que nos ofrecen, cómpre defender que no tecido comunitario esteamos todas e non só minorías ou elites. De seguro que poñendo en común como nos atravesa a precariedade poderemos alentar resistencias que sexan quen de disputar ao sistema como conseguimos nós organizar para termos todas unha vida digna e plena.

Diego Lores

Oficina de Dereitos Sociais Coia