• Número 398
  • 11 de xuño de 2018

Oficina de Dereitos Sociais Coia

Entrevista a David Muñoz: "A precariedade normalizouse tanto que deixou de verse como tal"

Partillamos unha entrevista a David Muñoz Rodríguez (Sociólogo da Universitat de Valencia e membro de Baladre)

Partillamos unha entrevista a David Muñoz Rodríguez (Sociólogo da Universitat de Valencia e membro de Baladre) que fixo Cristián López para Sermos Galiza. O tema desta conversa é a precariedade, tema que David analiza no libro: "En las cárceles del capital humano. Nuevas precariedades y formas de subjetivación de los procesos contemporáneos de precarización". Deixamos a entrevista publicada no especial: "Desfacer en común a precariedade" publicado no Sermos Galiza do 19/04/2018:

Como cambiou a precariedade as nosas vidas?

O máis destacábel é a aceptación dunha situación de provisionalidade. A precariedade na súa orixe estaba vinculada só ao ámbito laboral, por iso tentamos ampliar esa lectura, porque afecta a varias dimensións da vida das persoas. Esa sensación de vivir sempre na corda frouxa, no bordo do precipicio, sempre saltando dun chanzo a outro. É transversal, non só afecta as persoas en peores condicións socioeconómicas. Nas investigacións que facemos, aparece sempre esa sensación de que nada é para sempre. A vivencia do tempo, en definitiva. Deixamos de vivir un tempo continuo para vivir nun tempo intermitente.

É nova esta precariedade?

Foi chegando por etapas, facilmente visíbeis no laboral: apareceron os contratos temporais, logo as ETT, logo os contratos lixo, de formación. Vemos como foron afondando nesa lóxica precarizadora do mercado de traballo, que levou a unha segmentación importante, é dicir, a un gran desigualdade. E logo vemos como se foi estendendo toda unha dinámica de provisionalidade. Provén da crise dos anos 70, a crise do petróleo, que levou por diante moitas empresas, pero sobre todo, levou por diante unha forma de concibir os mercados. Desapareceu o chamado keynesianismo, desapareceu a planificación, desapareceu a forma de organizar as empresas en estruturas máis ou menos ríxidas. Estas formas veñen acompañadas das teorías da xerencia que poñen en valor as virtudes do flexíbel. O ríxido comeza a verse como algo antigo, inservíbel para un mercado que está en constante flutuación. Esa idea vaise transformando en discursos sobre como xestionar as empresas que, finalmente, chegan ás traballadoras e traballadores. Chegan adornados con mensaxes e palabras como zona de confort, dunha xerga que nos di que debemos abandonar a seguridade. Unha onda de novo pensamento que podemos etiquetar como psicoloxías positivas, unha especie de positividade. Aí temos o mindfulness, o coaching, toda unha serie de técnicas que buscan dulcificar esta experiencia da precariedade, e levala cara aos propios suxeitos. Responsabilizar as persoas de manterse enteiras nunha situación cada vez máis adversa.

Que busca a ideoloxía neoliberal con esa estratexia?

O neoliberalismo, no seu intento por situarse en posicións hexemónicas como doutrina única, lanza unha diatriba que busca ampliar os espazos nos que as empresas poden producir valor, mediante a desregulación. O Estado reducido á mínima expresión pero coas mínimas contestacións sociais. A finais do anos sesenta, tanto en Europa, como nos Estados Unidos e no Canadá, vivíronse fortes mobilizacións. O neoliberalismo aprende a lección e, a través de certa clase política, medios de comunicación, creadores de tendencias e estas cousas que magnifican agora as redes sociais, envía mensaxes que pretenden enmascarar unha lectura da realidade na liña do apuntado. A ideoloxía neoliberal precisa desa flexibilidade, desa desregulación, para que as grandes corporacións manteñan taxas de beneficio económico elevadas.

Falas na túa obra de cárceres do capital humano, que significa?

Retomamos unha idea de Hanna Arendt, que estivo nas fábricas dos anos 30, das que falaba como unha especie de cárceres. Miraba nelas formas de organización, como a despersonalización ou o traballo rutineiro, que lle levaban a entender aquelas fábricas como cárceres modernos. Os cárceres humanos non están situados nun espazo físico, son disposicións e ideas, formas de concibirnos como persoas, que interiorizamos. Os teóricos do capital humano durante os 60, na Escola de Chicago, deixan de considerar a forza de traballo como un factor produtivo para que sexa un capital máis. Aí aparecen premisas como que debemos preocuparnos por coidar o noso capital humano, formándonos de forma continua, aprendendo idiomas... Incorporando novos valores que materializar nun mercado onde seríamos unha empresa máis. Unha lóxica activadora, que hoxe ten a súa dimensión simbólica na figura do emprendedor. Hai que lanzarse ao baleiro, saír da zona de confort, e actuar como se fósemos empresas. Iso significan os cárceres do capital humano, metéronnos a empresa dentro do corpo.

Até que punto se normalizou a precariedade?

A precariedade normalizouse tanto que deixou de verse como tal. Por exemplo, en todas as universidades, case sen excepción, teñen cátedras ou xornadas de emprendemento, teñen acordos con bancos e multinacionais de recursos humanos, como se fose o máis normal. Se o mundo institucional lanza eses sinais, as persoas pouco podemos facer para defendernos. A título individual, claro, porque no colectivo podemos facer moito.

Que conceptos interiorizamos?

Un dos conceptos chave, que nas investigacións aparece moito, é o investimento en si mesmo. Estiven durante anos entrevistando persoas que marcharon do Estado español para buscar a vida no estranxeiro e, cando lles preguntaban que os movera a saír, a resposta máis típica era: primeiro, conseguir algún tipo de expectativa, aquí estaban todas bloqueadas, pero logo, reducían ou minimizaban o custo biográfico que podía ter esa decisión. Aseguraban que de volver, retornarían con algún idioma, con máis contactos, como un investimento en si mesmo. Confiaban en que no peor dos casos, ese investimento fora valorado despois polas empresas, cando a cousa mellorase.

Somos máis individuais e, por tanto, máis vulnerábeis?

Desapareceu a outra persoa, os vínculos comunitarios reducíronse moito, desaparece por tanto o outro significativo. Nos proxectos de investigación dos anos 70, a veciñanza era algo moi importante para a xente. Ou a estabilidade nas carreiras profesionais, incluso para os traballadores manuais, porque creaba unha rede de contactos e relacións que mantiñan unha tensión entre o eu e o nós. Iso estase a esvaecer. Se lle engadimos a intensificación da mobilidade xeográfica, a posibilidade de crear vínculos vaise deteriorando máis. Pero é esa mirada na que nos consideramos empresarios de nós mesmos a que nos converte en máis individualistas, ou vulnerábeis. Se cada un é unha empresa, ten que estar permanentemente investindo en si mesmo, e por tanto, percibe as persoas que ten o lado como competidoras por un ben escaso.

Como conseguiron convencernos?

Acostuma vir dulcificado por unha serie de mensaxes que lle quitan aspereza a esta situación de sálvese quen poida. Vemos como certos medios tratan a precariedade con reportaxes do tipo Que ben está comer sobras ou ‘Como vivir en quince metros cadrados’. Fai pouco lanzaron unha aplicación que conecta con restaurantes caros que van tirar comida ao lixo, para vendela a metade de prezo. Temos o exemplo na roupa de segunda man, que está de moda. A xente para reducir a tensión que xera esta vivencia da precariedade, o que en psicoloxía coñecemos como disonancia cognitiva, tende a reducir o problema, porque a situación é tan dramática que pode bloquearte a nivel emocional. E incorpora ao seu estilo de vida esas cuestións vinculadas á precariedade como se foran eleccións individuais vinculadas cos seus gustos ou preferencias. Nisto a educación xogou un papel fundamental introducindo contidos vinculados co emprendemento e a activación. Mais xa non só nas universidades. A propia OCDE recomenda que se introduzan en primaria e secundaria materias sobre economía de mercado, para que tomemos boas decisións á hora de investir. Estas dinámicas van arrastrándonos cara a ese abismo da precariedade.

--

Fonte: A Fondo "Desfacer en común a precariedade" publicado no Sermos Galiza do 19/04/2018