• Número 398
  • 11 de xuño de 2018

CUT - Política Social

Asembleas nos centros de Política Social

Da visita concluímos que é imprescindible a denuncia polo incumprimento da normativa en materia de vacacións

O día 7 de xuño comezamos a realización de asembleas nos centros dependentes da Consellería de Política Social. O primeiro que visitamos foi o Centro de Maiores Volta do Castro na cidade de Compostela.

Convocamos a asemblea a partires das 14:30 horas coa intención de non perturbar o normal desenvolvemento das labores asistenciais das compañeiras e compañeiros. Iniciando a asemblea ás 14:30 coas compañeiras da quenda de tarde, incorporándose ás 15 horas as compañeiras que remataban a quenda da mañá.

A directora do centro presentouse cando aínda non comezara a asemblea primeiro para saudar e presentarse pero tamén co afán de delimitar o horario da convocatoria pretendendo que, en base á súa interpretación do convenio, concluíse ás 15:00 horas. Unha vez desmontada a súa pretensión continuou na sala, até que se lle sinalou, amablemente, que a asemblea debía comezar. A presenza da directora tanto na sala como nas proximidades condicionou a participación de varias compañeiras que, á vista desta circunstancia, optaron por marchar.

O asemblea desenvolveuse con normalidade, analizouse a situación do Comité, ausente desde hai tempo segundo a apreciación das compañeiras presentes. Analizouse tamén a circunstancia de que a presidencia do órgano de representación estivese ocupada por unha persoa que ten un cargo de dirección no organigrama da Consellería. Falouse da situación, moi semellante a un cuartel, que se vive no centro de traballo. Transmitíronse as alternativas do sindicato diante da alta precariedade e inseguridade laboral. Falouse da dificultade, cando non da imposibilidade, do exercicio do dereito á formación. Comentouse a situación das quendas de vacacións, a estas alturas do ano aínda sen asignar. Debateuse sobre a campaña iniciada polo sindicato para recuperar o establecido no artigo 19 do Convenio Colectivo, repartíronse follas para recoller as sinaturas de traballadores e traballadoras reivindicando a compensación do traballo realizado en domingos e festivos e establecéronse lazos coas traballadoras presentes.

Da visita concluímos que é imprescindible a denuncia polo incumprimento da normativa en materia de vacacións, nos vindeiros días realizaremos esa denuncia na Inspección de Traballo.

Continuaremos coas asembleas, o xoves, día 14 de xuño, tamén ás 14:30 horas, realizarémolas na Residencia de Maiores Torrente Ballester e Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (C.A.P.D.) da Coruña

Orde do día:

-       Situación do Comité de Empresa

-       Temporalidade na Consellería de Política Social

-       Sinaturas pola reposición do Artigo 19 do Convenio

-       Situación no centro

-       Varios