• Número 397
  • 04 de xuño de 2018

Universidade

Resumo da reunión Xerencia-Xunta de Persoal do día 31 de maio

Unha reunión na que se rexeitaron as convocatorias presentadas por incompletas ou por carecer do rigor esixido

O pasado día 31, tivemos unha reunión da Xunta de persoal na que preparamos a posterior xuntanza convocada pola Xerencia. A orde do día enviouse, por correo electrónico, a todas as traballadoras e traballadores.

Como se informaba nese correo, a documentación que se enviou á Xunta de Persoal e que se correspondía coa orde do día foi a seguinte:

Convocatoria promoción interna

Proposta Convocatoria Promoción Interna 2017

Convocatorias Quenda Libre

Proposta convocatoria escala administrativa C1

Proposta convocatoria técnico en relacións internacionais A1

Proposta de Oferta de Emprego Público do ano 2018

Proposta Xerencia do 28-05-2018

Na reunión transmitíuselle á Xerencia:

Convocatoria de promoción interna:

Sinalóuselle ao xerente a ausencia, na proposta de convocatoria, da valoración da fase de concurso que, ao ser igual para todas as categorías acordaramos que se reflectiría na parte común da convocatoria. A Xunta de Persoal negouse a avaliar a convocatoria por estar incompleta.

Non obstante o sinalado e para evitar o acontecido na convocatoria anterior requiriuse que a acreditación da posesión dos requisitos esixidos para participar na convocatoria sexa previa ao desenvolvemento das probas, deste xeito, na listaxe provisional sinalaríase a documentación que non consta no expediente, debendo completarse no prazo establecido até a publicación da listaxe definitiva.

O xerente comprométese a enviar unha nova proposta de convocatoria.

Convocatorias Quenda Libre

Ao parecer da Xunta de Persoal, as convocatorias enviadas carecen do suficiente rigor e entidade para seren analizadas.

Sen ir máis lonxe a convocatoria da escala de xestión C1 é un mero calco da promoción sendo que nesa convocatoria partíase da base de non volver a contemplar temas xa requiridos no proceso selectivo que posibilitou o ingreso das e dos aspirantes no grupo C2. Sen ir máis lonxe faltan temas tan elementais como os Estatutos da Universidade.

Outros erros observados e que serven para evidenciar o sinalado:

Non contempla a acumulación de prazas da OEP de 2018 non obstante si aparecen 3 prazas reservadas para a quenda de discapacidade cando, da acumulación de ofertas que si integra deberían ser 2.

Non aparece explicitado o acordo xa acadado coa Xerencia para que se contemple o establecido no apartado 9 do artigo 3 do Real decreto 702/2017, do 7 de xullo, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2017 e que establece:

“9. En los procesos selectivos en los que exista una fase de concurso, se contemplará específicamente, entre otros méritos, la valoración gradual y diferenciada de la experiencia acreditada por los candidatos que, con carácter interino o temporal, hubieran desempeñado funciones idénticas o análogas a las de la respectiva convocatoria.”

Ao respecto da proposta convocatoria técnico en relacións internacionais A a Xunta de Persoal entende que, no seu conxunto é a mesma que a presentada no seu día cando as prazas correspondían ao PAS laboral. Rexéitase a súa análise ao entender que bases non corresponden cunha convocatoria propia de PAS funcionario e nunha situación moi diferente á da convocatoria que se presenta.

O xerente toma nota e revisará as convocatorias. Nos vindeiros días enviará as propostas das convocatorias da acumulación de ofertas, aínda non remitidas.

Proposta de Oferta de Emprego Público do ano 2018

A Xunta de Persoal insiste en que se contemple a praza 316 na taxa de reposición o que suporía un posto máis na OEP e que a Xunta de Persoal entende debe ser da escala administrativa C1.

Unha vez máis observamos erros importantes na convocatoria remitida:

Xa, na última folla, no cadro relativo ao acceso libre, non se entende que se derive unha praza da OEP 2016 á de 2018, iso significaría a perda dunha praza neste procedemento.

O xerente sinala que, aínda que entende que a praza que se reclama estaba ocupada por persoal interino, sendo, polo tanto, difícil de xustificar na taxa de reposición está disposto a incluíla e defendela diante da Consellería  de Facenda.

Ao respecto dos erros sinalados corrixiranse e sobre o que aparece no recadro de acceso libre no que se reflicte que a praza de axudante de arquivos e museos  procede da OEP de 2016 e un erro de transcrición que tamén se corrixirá.

Sobre o escrito remitido polo persoal da escala xeral C2, tamén recibido pola Xerencia, a Xunta de Persoal instou a consulta á Asesoría Xurídica da institución sobre a legalidade da petición.

O xerente acepta esta petición e fará a xestión solicitada.

A Xunta de Persoal anúncialle ao xerente que presentará un escrito de reclamación polos importantes e reiterados erros na información que se remite ao órganos de representación. Aínda que entendemos que sempre se pode cometer algún erro, as circunstancias actuais superan, con creces, calquera situación aceptable.