• Número 397
  • 04 de xuño de 2018

Sanidade Pública

Todo pronto para un novo feche masivo de camas nos hospitais públicos galegos

Os profesionais rexeitan unha medida que provoca, denuncian, saturación dos servizos de urxencias, derivacións á sanidade privada e aumento das listas de agarda. O número de camas que se fecha anda, ano tras ano, por volta de 1.200.

O Sergas prevé fechar nos meses estivais 172 camas no Complexo Hospitalario de Compostela, 82 no de Pontevedra e 159 camas no Meixoeiro de Vigo. Son dados avanzados polos sindicatos ou, no caso pontevedrés, por Prosagal –Profesionais da Saúde Pública-. Este verán calculan que a medida afectará en torno a 1.000 – 1.200 camas, número similar ao de anos anteriores: máis de 10% das existentes. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2016 [último ano publicado] había no sistema sanitario público galego 9.045 camas operativas, cifra inferior ás 9.904 de 2010.

Desde sindicatos como CIG lembran que  como consecuencia dese fechamento na área de Compostela, “un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas ata o remate das vacacións aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas. Ano tras ano podemos ver o colapso que isto provoca no Servizo de Urxencias, con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con espera de 3 días por unha cama, e/ou a derivación a centros privados”.

Aforrar

Manuel González Moreira, médico e un dos portavoces de SOS Sanidade Pública, sinala en convers con Sermos Galiza que a decisión do Sergas de fechar camas responde “a que queren aforrar en persoal”. Explica que o persoal das unidades nas que fechan camas é trasladado a aquelas outras unidades onde o seu persoal está de vacacións. “Deste xeito aforran en gasto de contratación”, conclúe, ao tempo que indica que “estamos no límite” en canto a escasez de persoal, polo que calquera pequeña alteración ou urxencia, desborda.

Moreira lamenta que desde o Sergas non apostan no verán por realizar un plan de loita contra as listas de agarda. A Xunta xustifica o feche de camas apuntando a que no verán redúcese a demanda. “Podían, en vez de fechar camas, mantelas abertas e aproveitar que non hai esa presión do día a día para dar saída á xente que está en listas de agrada”.

Elevado grao de privatización

Galiza é un territorio líder en canto ao grao de privatización da súa sanidade. Unha lideranza que non ostenta en solitario senón partillada con outras tres autonomías do Estado (Madrid, Catalunya e Balears). Ano tras ano, os informes da Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (FADSP) sitúan o noso país no topo do ranking privatizador. O informe 'As privatizacións sanitarias das comunidades autónomas 2016', da mencionada federación, ratificaba Galiza como zona de “elevado grado” privatizador no sanitario.

A certa distancia das catro autonomías citadas figuran aquelas que teñen unha privatización “media” da súa sanidade (aquí aparecen desde Asturies a Euskadi ou Nafarroa, pasando por Canarias ou Aragón). Por último, están as que, en base ao documento de FADSP, posúen un “grao baixo” de privatización, como son Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha e Cantabria.

Para facer o estudo contempláronse diferentes variábeis, desde o financiamento privado até a porcentaxe de gasto público, pasando polos convenios público-privados, aseguramentos, mutuas... En base aos mesmos, e estudando a súa evolución durante estes anos, a federación indica que desde a lexislatura do 2011 acentuouse e acelerouse abondo un proceso privatizador da sanidade que dera os seus primeiros pasos en 1986, ao pouco de se aprobar a Lei xeral de sanidade.

Sermos Galiza