• Número 397
  • 04 de xuño de 2018

Universidade

Resumo da reunión do Consello de Goberno do día 29/05/2018

Asistimos a estas reunións para ser a voz do colectivo

Asistimos a unha reunión que, como se sinalou na orde do día que vos xuntamos no anterior PASquín, no seu desenvolvemento non aparecía ningún punto específico que afectase ao noso colectivo directamente. Como xa sinalamos noutros momentos, a nosa presenza no órgano de goberno non está condicionada a esta circunstancia. Pensamos que como parte da Comunidade Universitaria temos o dereito e a obriga de participar nos espazos onde se toman as decisións que afectan ao devir institucional dando o noso parecer.

O reitor, na súa intervención sinala que se realizou unha reunión do Consello Galego de Universidades no que, de xeito extraordinario estaban presentes cinco representantes das tres universidades galegas ao asistir tanto os reitores que cesan como os electos das universidades de Vigo e Compostela.

Sinala que se tomou a decisión conxelar, un ano máis, as taxas universitarias e, tamén se aprobou a diminución prezos públicos de matrícula dos mestrados profesionalizantes para equiparalos aos dos graos., circunstancia que esixe a compensación económica derivada do que as universidades deixarán de ingresar.

Informa da creación do Consorcio Interuniversitario de Galicia, en termos semellantes aos recollidos na web institucional.

Intervención do xerente

Unha vez recibida a autorización da Consellería de Facenda remitiuse ao DOG (publicándose no DOG de 16 de maio) a modificación da RPT que como consecuencia posibilitou os nomeamentos (publicándose no DOG de 21 de maio) das funcionarias e funcionarios que superaron a promoción á escala de xestión.

En próximos días publicarase unha resolución reitoral na que se reflectirá a decisión de excluír da fiscalización previa diferentes gastos:

Esta decisión leva aparellada, por unha banda, unha maior responsabilidade dos centros de gasto e por outra a elaboración dun Plan de Control Interno  no que se reflectirá unha planificación anual da fiscalización. Neste Plan, o Servizo de Intervención, á vista das deficiencias e irregularidades que se detecten fará as propostas de modificación do regulamento que considere oportuno.

Xa sobre a “intendencia” o xerente informa que nas vindeiras reunións do Consello de Goberno, á vista do gran número de vehículos estacionados no patio, prohibirase aparcar, remitindo o estacionamento dos coches da representación no Consello de Goberno ao aparcadoiro privado  Marina Coruña, o tempo máximo de estacionamento será de 5 horas e os xustificantes expediranse na Secretaría da Xerencia. Fundamenta o xerente esta decisión en que o gran número de vehículos estacionados no patio impedirían o acceso a outros que o precisasen no caso de atención médica, evacuación...

Intervención do secretario xeral

Segundo a nova lei é obrigatorio a existencia da figura de Delegado/a de protección de datos. A idea é a de establecer este posto a través do Consorcio para as tres universidades. Como o Consorcio aínda non está en marcha e diante da imposibilidade de se realizar estas funcións por ningún PAS nin PDI, por falta de capacitación, de xeito provisional recórrese á contratación externa, efectuándose un contrato a Pintos e Salgado, bufete de avogados de Galicia especializado en Dereito Informático, Protección de Datos e Internet, que ademais impartirá formación, habilitaranse protocolos, guías con modelos...

O obxectivo é traballar de xeito consorciado coas outras universidades e con persoal acreditado.

No punto 2 .- Aprobación, se proceder, da acta da sesión ordinaria do 26 de abril de 2018, aparece unha discrepancia importante á hora de proceder á súa aprobación. Proponse a gravación das sesións, petición á que se suma a representación do PAS.

Punto 16. – Quenda aberta de intervencións

Representación do PAS:

Quero que conste en acta o meu rexeitamento á decisión adoptada de non realizar a fiscalización previa nos gastos sinalados polo xerente. Entendo que a fiscalización de calquera gasto é imprescindible e, aínda que se pretenda derivar a responsabilidade aos centros de gasto, a responsabilidade subsidiaria sempre será da universidade. Tampouco estou de acordo no papel que no Plan de Control Interno se lle asigna ao Servizo de Intervención ao que se lle limita a realizar propostas de modificación do regulamento nos casos de detección de irregularidades.

Aparecen, de xeito reiterado, na páxina web institucional, encomendas de xestión á FUAC de convenios, os proxectos xa se derivan de xeito habitual. Reiteramos a nosa oposición á externalización de labores que consideramos propias. Reiteramos a reclamación xa realizada noutras ocasións de que estas funcións retornen aos servizos propios da universidade, sempre respectando os dereitos das traballadoras e traballadores que prestan servizo na FUAC.

Os Orzamentos Xerais do Estado pasaron xa a primeira criba no Congreso dos Deputados, no Senado pasarán sen problema debido á maioría absoluta do PP. É previsible, polo tanto, que máis pronto que tarde estean aprobados definitivamente.

Neses orzamentos, entre outras cousas, contémplase a recuperación de algún dos dereitos que se nos recortaron, sen ir máis lonxe, a xornada de 37 horas e un proceso de consolidación dos postos que se levan desempeñando , de xeito ininterrompido, por persoal interino, durante 3 anos, até o 31 de decembro do ano 2017.

Solicítolle á Xerencia se poña en marcha a mecánica para que, cando os orzamentos estean aprobados definitivamente, proceder coa axilidade que estas medidas reclaman.

O reitor deriva a resposta no xerente

Sobre a fiscalización previa matizar dúas afirmacións. O incremento da responsabilidade nos centros de gasto é no sentido do traballo. O centro de gasto ademais de asumir o compromiso de gasto ten que realizar un paso máis, unha vez que ten a autorización da Xerencia, ten a obriga de realizar o gasto. O Plan de Control Interno vai nesa liña, funcionará como unha auditoría interna, detectará onde non se realizan ben as cousas e melloraraas. É unha obriga.

As encomendas de xestión non supoñen ningunha externalización. A FUAC é un medio 100% da universidade. É un medio máis da universidade e, de ningún xeito supón que se externalicen actividades.

Orzamentos, toma nota das suxestións para ir preparando as actuacións unha vez aprobado definitivamente o texto.