• Número 397
  • 04 de xuño de 2018

Sanidade Pública

Absolto por terceira vez o cirurxián de Batas Brancas que denunciou irregularidades no hospital da Coruña

Como Borro, outra media ducia de xefes de Servizo de hospitais do Sergas foron cesados dos seus cargos e substituídos por médicos afíns ao PP desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou a demanda por danos contra a honra presentada por tres médicos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) contra o doutor José María Borro, fundador da asociación Batas Brancas e ex xefe do Servizo de Cirurxía Torácica do centro. Borro foi demandado tras advertir ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de que eses tres compañeiros estaban a derivar irregularmente a pacientes de cancro de pulmón da sanidade pública á súa empresa privada, que alugaba quirófanos en clínicas da cidade onde lles cobraban para operalos cunha técnica cirúrxica que el consideraba moito máis arriscada e sen vantaxes científicas demostradas.

Trátase da terceira vez que un tribunal dá a razón para Borro, quen, tras denunciar ante a Xunta as irregularidades que detectara no seu servizo, sufriu unha dura campaña de desprestixio persoal e profesional. Foi destituído do seu cargo no hospital, apartado da súa praza de profesor na Universidade e sancionado polo Colexio de Médicos da Coruña. Como Borro, outra media ducia de xefes de Servizo de hospitais do Sergas foron cesados dos seus cargos e substituídos por médicos afíns ao PP desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta.

A xustiza acabou por darlles a razón a todos eles, con sentenzas que confirman unha purga en toda regra que pon de manifesto tanto a arbitrariedade da Administración galega ao decretar os seus cesamentos como as prácticas ilegais do Sergas e coas xerencias dos hospitais para amañar as oposicións destinadas a cubrir as prazas dos cesados e entregarllas así aos candidatos preferidos polo poder.

No ano 2010, os cirurxiáns Diego González Rivas, Mercedes de la Torre Bravos e Ricardo Fernández Prado, a quen Borro formara como adxuntos e quen traballaba ás súas ordes no servizo de Cirurxía Torácica do CHUAC, crearon unha sociedade mercantil, a Unidade de Cirurxía Minimamente Invasiva, a través da cal operaban a pacientes de pulmón empregando a técnica cirúrxica dunha soa vía ou uniportal, que lles permitía intervilos cunha única incisión no tórax ou o costado fronte ás dúas ou tres que adoitan empregarse habitualmente.

Borro alertou de que os seus subordinados empezaran a usar esa técnica no seu departamento sen informarlle. E cando detectou que varios pacientes que acudiran ao hospital público eran derivados a clínicas privadas onde os operaban para que a Unidade de Cirurxía Minimamente Invasiva pasase a factura aos seus seguros médicos, púxoo en coñecemento do Sergas. A Inspección sanitaria da Xunta abriu unha investigación en cuxas conclusións a instrutora alertou de que polo menos once enfermos foran irregularmente desviados en beneficio daquela empresa privada.

A pesar da contundencia do seu propio expediente, o Sergas decidiu cesar a Borro da xefatura de Servizo e apartalo da docencia universitaria. Ademais, o Colexio de Médicos da Coruña sancionouno con 2.000 euros e suspendeuno dous meses de colexiación, impedindo así que puidese exercer a medicina, alegando que fora “colaborador necesario” para que a denuncia que fixo ante a Administración galega transcendese á opinión pública.

A Rivas, De la Torre e Fernández Prado a Xunta limitouse a sancionalos con tres meses de suspensión polas irregularidades que cometeron. E aínda que a Fiscalía chegou a acusalos dos delitos de abuso no exercicio das súas funcións, negociacións prohibidas a funcionarios, revelación de segredos e incumprimento do deber de custodia de documentos, o xuíz do Penal acabou arquivando o caso.

En xullo do 2016, o xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña anulou a sanción que o Colexio de Médicos impuxo a Borro alegando que se limitou a cumprir coa súa obrigación ao denunciar o caso, e que non fora el quen filtrou á prensa a denuncia por carta que fixo ao Sergas. Algo que o Colexio de Médicos nin sequera contrastou coa xornalista que a fixo pública, e quen negou en varias ocasións que a súa fonte fóra Borro.

Un ano despois, o xulgado de Primeira Instancia número Oito da Coruña desestimou a demanda presentada contra el polos tres cirurxiáns, que o acusaron de poñer en dúbida o seu prestixio profesional ao asegurar que a técnica uniportal era máis perigosa que a convencional e que poñía en perigo a vida dos pacientes de cancro de pulmón. Borro baseou a súa defensa nunha investigación propia e interna do CHUAC que demostrou que os enfermos que se someteron a ela no centro padecían unha mortalidade un 20% máis alta que os operados con dous ou tres incisións.

A Audiencia Provincial confirma agora aquel fallo e engade que das declaracións públicas e privadas de Borro sobre a validez da técnica uniportal non pode estimarse ilícito algún. “As frases e expresións empregadas certamente presentan un forte contido crítico. Con todo, o tribunal, ponderando o contexto no que se producen, considera que non son suficientes para estimar que exceden as limitacións que o exercicio da liberdade de expresión impón sobre o dereito ao prestixio profesional dos cirurxiáns torácicos demandados”.

“Trátase dunha opinión persoal do demandado, desde o seu punto de vista profesional, nun contexto polémico, fronte a outras opinións distintas, como as dos demandantes nun sentido radicalmente contrario, dentro dun colectivo profesional médico cualificado, con opinións dispares sobre un aspecto esencialmente opinable como é a aplicación dunha técnica cirúrxica”, abunda a sentenza, que impón aos demandantes o pago das costas procesuais.

publico.es