• Número 396
  • 28 de maio de 2018

Liberdade de expresión

Cando dar a nota é delito

As sentenzas contra os artistas Valtonyc e Pablo Hasél abriron o debate sobre a liberdade de expresión no estado

O artigo 20 da Constitución española é o que garante a liberdade de expresión tanto na creación artística como científica. Pero desde o ano 2015, cando entra en vigor a Lei de Seguridade Cidadán, “ley mordaza”, as cousas foron poñéndose difícil para algúns sectores como o dos artistas. Sobre todo aqueles e aquelas artistas que expresan a súa postura ou pensamento mediante letras de cancións, traballos audiovisuais ou cartaces para as festas e que non son vistos como correctos por determinadas correntes ideolóxicas, relixiosas ou morais.

Non fai falla ser artista, estar na política ou ser okupa. A liberdade de expresión está en perigo, tal como se deduciu no encontro “Conferencia sobre os ataques á libertade de prensa e de expresión” articulado polo grupo Grupo Confederal de la Izquierda Unitaria Europea/Izquierda Verde Nórdica, e a súa parlamentaria Ana Miranda.

HAI ALGO AQUÍ QUE NON VAI

Os anos 90 en Galicia viron medrar case que de maneira exponencial grupos de hardcore, postpunk e outros estilos máis underground en paralelo a manifestacións de “cultura alternativa” como a okupación, o graffiti e outras creacións máis urbanas. Pero xa antes, nos 80 naceran grupos de música fóra dos circuitos chamados mainstream, que escribiron letras moi explícitas nas que incluían blasfemias, frases hoxe consideradas mesmo constitutivas de delito contra a honra, ofensas aos sentimentos relixiosos etc.

“Hai letras dos anos 80 que hoxe enviarían directamente os grupos á Audiencia Nacional” di Bernardo Rodríguez, do grupo “Brosas”. “Nós é que sempre íamos por ambientes máis underground ou se queres marxinais  para as autoridades, marxinais de non ser trascendentais, por iso non nos sentimos presionados por ninguén”. No mesmo sentido se expresa Alberte Leis, cunha traxectoria que vén tamén dos 90, “é que non hai comparación, a ver, hai 20 anos cantabamos o que nos petaba e nunca nos presentaran unha denuncia por ofender os sentimentos de nada nin de ninguén”.

Existen precedentes como o caso de Suso Vaamonde no 1980, condenado a catro anos e un día polas estrofas “Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / que se España é miña nai / eu son un fillo de puta”. A causa disto, Vaamonde estivo catro anos exiliado, entregouse finalmente no 1984 ata ter o indulto do goberno presidido daquela por Felipe González. Fóra de Galicia a canción “Ustelkeria” de Negu Gorriak, onde falaban do daquela tenente coronel da Garda Civil Rodríguez Galindo que lles interpuxo unha demanda.

PERO POR QUE?

O comportamento que está detrás de case todas as denuncias amparadas na Lei de Seguridade Cidadá, respoden para moitos dos artistas a unha obsesión polo control. “Non considero que isto sexa unha manobra de distracción sobre o que acontece dentro do PP, senón que é unha dinámica de facer pagar todo con prisión, unha dinámica de xudicializar todo” di o rapeiro O García. “Vai dentro do que pasa na sociedade española e este neofranquismo que quere solucionar as cousas mediante a represión” coincide Alberte Leis co García.

A xudialización de comportamentos, manifestacións de todo tipo sobre determinados temas. Miguel Mosqueira de Ataque Escampe di “a “ley mordaza” nace pola postura de que se non poden controlar as redes sociais, tentan controlar o que se di, pero de maneira desesperada” cousa que podería repercutir no futuro pois “a presión popular poderá levar a unha revisión desa lei, porque podes xulgar a un grupo  pero non a cincocentos e crear cincocentas condenas”. Pero sería posible que houbese unha reacción popular a isto? “Eu creo que si, porque se houbo unha reacción tan profunda no caso da sentencia sobre A Manada, penso que co tempo se pode reproducir unha reacción semellante se se segue perseguindo a expresión artística” di Mosqueira.

Nuno, de Oh! Ayatolah, ten claro que a expresión desde os parámetros artísticos “non é un delito de incitación ao odio, non se pode vender así”. Non obstante, para el aínda é máis perigoso “a normalidade coa que se está instalando esta postura de denunciar todo tipo de expresión dentro da sociedade”.

O QUE PASARÁ

Non se poden facer hipóteses mesmo a curto prazo sobre a eliminación ou modificación dunha lei. “Están indo contra eles mesmos (o goberno) a represión é un boomerang que lles pode dar na cara e mesmo a nivel internacional está a crear unha moi mala imaxe do goberno do estado” di Bernardo Rodríguez. No caso de que non exista unha postura de cara a modificadción ou eliminación da lei de seguridade cidadá “a xente irá con máis forza e de maneira máis directa contra o que nos arrodea, é como se ao faltar ETA necesitasen outra cousa” reflexiona Alberte.  “O lume só leva ao lume” di O García, pois cre que quen fomenta este tipo de posturas “viven nun absurdo no que acabarán deborándose ente eles”.

A cuestión é que parecen estar formándose posturas contrarias xa moi frontais. Alicerces non parecen faltar. Beatriz Talegón, avogada, durante a conferencia sobre liberdade de expresión e prensa en Europa celebrada en Bruxelas o 24 de maio, deixou claro na súa intervención que o Tribunal Constitucional declara que con esta lei (de Seguridad Ciudadana) está en perigo a liberdade de expresión”. Unha lei, que como a mesma Talegón declaraba “só nos primeiros sete meses de vida deu lugar a 10.000 sancións”.

As conclusións que podemos tirar nestes momentos son que hai unha persecución real contra artistas dentro dun estado teoricamente democrático. Algúns fuxen diante da perspectiva da cadea, outros resisten ata onde poden, outros denuncian que a democracia en España está en perigo e sinalan a falta de independencia do poder xudicial fronte ao poder político da dereita. Nomear a monarquía segundo para que, é delito. As presuntas ofensas á relixión poden levar a xuízo a cidadáns comúns e políticos. Todo apunta pois, que un cambio na cor política do goberno podería permitir a eliminación dunha lei considerada un retroceso absoluto en cuestións de liberdade de expresión.

Galicia Confidencial