• Número 396
  • 28 de maio de 2018

CUT

A CUT denuncia a manipulación e a precariedade laboral da CRTVG en Bruxelas

A compañeira vencellou a manipulación coa precariedade laboral inherente dende hai máis de dúas décadas á CRTVG

A CUT participou como parte do Comité Intercentros da CRTVG na Conferencia Cala! Shut up! Tas-toi!, organizada en Bruxelas polo grupo Les Verts/ALE do Parlamento Europeo, para achegar a realidade dos medios de comunicación públicos galegos.

O comité intercentros aproveitou a ocasión para denunciar, nunha intervención conxunta dos cinco sindicatos con representación neste órgano, a crítica situación que viven a radio e a televisión públicas de Galicia froito de ataques dende diferentes frontes.

Unha delas, o incumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación de Galicia, que contempla desde a súa entrada en vigor en 2011 a creación dun Estatuto Profesional e dun Consello de Informativos na CRTVG, ferramentas destinadas a intentar garantir a independencia profesional dos e das informadoras que ao goberno de Feijoó e á dirección da CRTVG non lles interesa o máis mínimo poñer en marcha, sete anos despois da aprobación da lei.

O comité aproveitou tamén para facer un repaso polos fitos históricos de manipulación dende a creación da CRTVG e expoñer a loita das traballadoras e traballadoras a través de iniciativas como o blog Eunonmanipulo ou o protocolo anti-manipulación desenvolvido polo comité de empresa para amparar ás traballadoras que sofren presións ou manipulacións do seu traballo.

A representante da CUT, a compañeira xornalista Andrea de Francisco (que leva 20 anos prestando servizos para a CRTVG encadeando contratos, sen relación de estabilidade), vencellou esta manipulación coa precariedade laboral inherente dende hai máis de dúas décadas á CRTVG, que derivou en máis de 300 demandas xudiciais, con condeas á empresa por uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadoras, e que hoxe segue vixente cunha temporalidade por riba do 30% do persoal.

Asimesmo, Andrea denunciou a externalización de parte dos servizos informativos, prohibida na Lei que regula a CRTVG, así coma o ataque á información local co peche de centros ou delegacións territoriais en 2010 (Ferrol, Pontevedra e Burela) e máis recentemente, coa desaparición das desconexións de información local na Radio Galega prevista para este outono.

Un ataque máis á produción propia xunto á desaparición de programas como Diario Cultural, que tamén foi tema chave no relato do Comité Intercentros do desmantelamento do servizo público da CRTVG. O comité intercentros prevé agora artellar unha demanda no seo da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.