• Número 396
  • 28 de maio de 2018

Servizos públicos

“Ninguén debería lucrarse das catástrofes”: reclaman a xestión pública de tódolos bombeiros galegos

Defende a xestión pública do corpo de bombeiros para poder prestar un mellor servizo durante as catástrofes

Miguel González Ucles, bombeiro en Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, ademais de voceiro da CUPB, a maior asociación de bombeiros de todo o Estado, considera moi mellorable a xestión da catástrofe de Paramos, aínda que si foi mellor levada que outras anteriores coma os incendios do pasado outono.

“Polo menos desta vez xa houbo unha intención de garantizar a seguridade, pero a nivel organizativo estamos como mesmo, traballando por simpatía profesional, precisamos un estatuto”, denuncia.

Ucles defende que para garantir unha garantía esencial como é a da seguridade tras una catástrofe coma a que provocou a explosión de Tui hai moito que traballar pola unidade dos corpos de bombeiros, e polo tanto que todos pertenzan á administración pública.

“A empresa o que fai é intentar aforrar diñeiro, enviando á xente de vacacións aínda que poida producirse unha catástrofe. A maioría dos bombeiros galegos aínda pertencen á empresa privada, e o problema non é destes traballadores senón das empresas que, como tamén é lóxico, están polo seu beneficio. E das traxedias non se debería lucrar ninguén”, sentencia.


Explosión de Tui / Miguel Núñez

E iso provoca que non teñan “unha regulación que nos equipare, nin unha xestión directa entre todos, cando deberíamos ser un corpo totalmente público. Chegamos diferentes equipos de distintas plantas a restablecer a seguridade tras unha traxedia, e, como nos organizamos? Quen manda sobre quen? Organizámonos como cadra e malamente sobre o terreo, por suposto, pero debería ser algo natural, non parte de noso traballo, porque por suposto debémonos ás vítimas e aínda así buscamos o traballo en equipo e facémolo o mellor posible”.

Considera que cunha xestión unitaria e regulamentada os bombeiros mellorarían a súa capacidade operativa e substancialmente potenciaríase a calidade do seu servizo. Así, lamenta que “en Galicia levamos 15 anos cun modelo dual entre o público e o privado no servizo de bombeiros. Salvo excepcións, os que traballan na cidade son funcionarios públicos, e os dos concellos pequenos dependen da xestión dunha empresa privada”.

E este modelo, defende, non está a funcionar: “Eles traballan con temporalidade, inseguridade, falta de medios… a diferencia de intervención é brutal. E en Galicia hai máis de 400 bombeiros privados, e menos de 400 públicos. É dicir: a maioría dos bombeiros de Galicia dependen dos consorcios. E a xestión privada deste sector está a ser un fracaso, economicamente tamén”.


Explosión de Tui / Miguel Núñez

A unión entre os corpos de emerxencias é algo básico nun lugar como Galicia, co dispersa que está a súa poboación. Hai multitude de exemplos de bombeiros organizados pola administración que funcionan ben, por toda España. Cando hai catástrofes así é necesario o traballo en equipo, polo que hai que dar un paso adiante: o que reclamamos é fundamental”, conclúe.

Miguel asegura que non pararán de facer forza ata que isto cambie, “como servidores públicos que somos, temos a obriga de loitar por un servizo mellor para os cidadáns, e convencer aos políticos, porque debémonos ao cidadán de a pé, a quen sufriu unha desgracia, non aos partidos”.

Fai anos xa que traballan pola xestión pública total dos corpos de bombeiros, e contan con reverter o modelo xa este ano na provincia da Coruña, e pronto en Lugo e Pontevedra: “en Ourense xa é máis complicado, aínda sendo a rexión da Comunidade Económica Europea que máis arde e máis gasto ten. Hai moito diñeiro correndo, pero aquí non fai falla que ninguén se enriqueza coas catástrofes”. Por este mesmo obxectivo, Miguel participará nunha reunión en Madrid a vindeira semana.

Xornal de Vigo e Comarca