• Número 396
  • 28 de maio de 2018

CUT-Alternativas na Xustiza

Nota informativa do comité de folga

A Xunta está xogando cos intereses dos traballadores e das traballadoras

Dende AXG-CUT, STAJ e CIG pensamos que a Xunta está xogando cos intereses dos traballadores e das traballadoras e ó mesmo tempo con aqueles que se prestaron a ese xogo dado que a día de hoxe seguimos sen ter nada de maneira oficial nin legal.

Nada nos consta firmado nin publicado, por tanto nada hai resolto, por esta razón o Comité non desconvoca a folga, e así se acordou onte no seu seno. 

As queixas ó Valedor do Pobo de Galicia e ao seu homólogo en Madrid, son queixas motivadas pola MALA FE continuada da Xunta de Galicia no tratamento deste conflito:

  • No espazado das reunións, na conxelación das ofertas

  • Nas reunións ás costas dos traballadores e das traballadoras con sindicatos que non trasladaron nada ó resto de membros do Comité

  • Na non aceptación dos resultados das votacións dos traballadores e das traballadoras cando manifestaron estar en desacordo coa proposta da Xunta, para pechar o conflito convoca á mesa sectorial ninguneando ao Comité de folga (que é o único órgano competente para negociar e pechar o conflito e desconvocar a folga)

  • Na utilización dos medios públicos (INTRANET) para facer campaña a favor da postura da Xunta, polo continuo descrédito ó que intentou someter ó Comité de folga nos medios de comunicación durante toda a duración da mesma. 

Porque a Xunta de Galicia segue dando paus de cego falando de plans de recuperación para setembro, falando de que a folga se acabou, falando de que o conflito está pechado, e nada nos consta oficialmente. Isto é mala fe unido a incompetencia.

 Por último, valoraranse as accións legais que puideran producir un peche en falso do conflito. Unha vez se coñeza a forma na que se vaia a implementar o Acordo, supostamente asinado pola minoría, e se faga público é o momento de estudalo nas asesorías xurídicas, sempre tendo en conta que se intenta evitar o peche en falso dun conflito que segue sen resolverse. A folga segue legalmente convocada mentres o Comité de folga non a desconvoque e non é o momento de desconvocala, pois estamos igual que hai tres semanas, sen nada.