• Número 395
  • 21 de maio de 2018

Sanidade Pública

Desconvócase a folga da sanidade en Monforte ao aceptar o sergas a maioría das reivindicacións

O éxito da folga vén a demostrar que as mobilizacións do persoal sanitario, co apoio da poboación, son o principal instrumento para frear o desmantelamento do sistema sanitario público

Segundo nos comunicou a Plataforma para a Defensa da Sanidade de Monforte a Xunta de Persoal do Hospital Comarcal de Monforte desconvocou  a folga ao conseguir que a administración acepte unha gran parte das reivindicacións do persoal do Centro.

A Plataforma SOS Sanidade Pública considera un gran éxito a marcha atrás nos recortes de persoal e recursos que afectaban á atención sanitaria da poboación e ao funcionamento do Hospital.

O éxito da folga vén a demostrar que as mobilizacións do persoal sanitario, co apoio da poboación, son o principal instrumento para frear o desmantelamento do sistema sanitario público; consecuencia da política dunha Xunta neoliberal que pretende trasladar ao sector privado os servizos asistenciais, pagados con cargo ao orzamento público.

Para reverter a Reforma da Lei Galega de Saúde destinada a transformar as áreas sanitarias en distritos sen capacidade para planificar e xestionar os seus recursos e a desmantelar os hospitais comarcais,  só cabe a mobilización social e profesional, nunha alianza que inclúa ás Xuntas de Persoal e ás Plataformas cidadás en defensa do sistema público.

A Xunta de Persoal e a Plataforma de Monforte advirten á Conselleria e á Xunta de Galicia que vixiarán o cumprimento do acordo e que seguirán mobilizadas para recuperar a área Sanitaria, para o que terán o apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública de toda Galicia.

Manuel Martin

Voceiro

SOS SANIDADE PÚBLICA