Movementos sociais que non o son: do 15M ao Nunca Máis

Hoxe, quince de maio, cúmprense sete anos dunha das
mellores cousas que lle teñen pasado á democracia do Estado español. En
2011 moita xente volvíase consciente de que, detrás do sentido común que
trouxo a II Restauración Borbónica, existía unha gran dimensión de
cinismo e violencia. Por exemplo: a democracia-mercado como único marco
admisible de convivencia e organización do común, a determinación do
posible e o imposible, e porque algunhas cousas como parar un
desafiuzamento que eran imposibles, de repente un día eran posibles; ou
de que maneira a cultura mediática obrigaba a manter un determinado
espazo de discusión, e como os fenómenos que se van a producir nas nosas
prazas discuten ese principio.
Sendo o 15M a gran fenda que vimos aparecer no muro
do réxime do 78, este engarza con outros movementos-acontecementos
previos do século XXI nos que tamén se gritaba iso de «non nos
representan». Foron o Nunca Máis, o No a la guerra de 2003, ou
todo o sucedido nos días posteriores aos atentados do 11M. Momentos nos
que a realidade oficial dos medios de comunicación e do seu exército de
xornalistas, opinadores e intelectuais orgánicos, que dominan os marcos
interpretativos da realidade dende a «transacción», non tiveron a
capacidade de dominar a interpretación destes eventos. Acontecementos
como as acampadas masivas nas prazas e nas rúas de todo o Estado,
organizadas por cidadáns independentes capaces de coorganizar e poñer en
funcionamento, a través de Internet, unha cultura alternativa.
Diferentes sensibilidades puideron encontrarse en
espazos abertos para discutir politicamente problemas comúns, e facerse
preguntas sobre as formas de organizar a vida en común fóra do posible
autorizado
Por razóns históricas os contextos nos que se arma
unha cultura alternativa no Estado español e Galicia sempre teñen que
ver coa combinación de tres vectores: o primeiro, de experiencias
históricas, é dicir, unha cultura que é capaz de pensar historicamente e
de convocar elementos que veñen de atrás; un segundo vector popular,
algo que potencialmente pode implicar na participación cultural a moita
xente máis aló dos grupos de letrados; e un terceiro vector é o feito de
que é autónoma, que non está institucionalizada.
Procesos de creación de cultura fóra do Estado,
pero tamén das tecnocracias letradas que xestionan toda a cultura do
Estado. Un proceso que vén sucedendo moitas veces nos últimos tempos e
que en Galicia sucedera xa nos anos trinta, ou nos anos setenta con
moita forza. E sen lugar a dúbidas, moitas das cousas que aconteceron en
torno a ese xigantesco 15M que foi o «Nunca Máis», é que claramente se
logrou reactivar eses tres vectores.
Quen era o suxeito que clamaba contra a
catastrófica xestión do Prestige, do «No a la guerra», ou do 15M?
Todas e ninguén, calquera. Diferentes sensibilidades puideron
encontrarse en espazos abertos para discutir politicamente problemas
comúns, e facerse preguntas sobre as formas de organizar a vida en común
fóra do posible autorizado.
Todo este radicalismo democrático volveu a brotar
este último oito de marzo, no que as rúas se tornaron novamente vehículo
de expresión, e canda as feministas organizadas uníanse miles de
mulleres interpeladas por unha folga que ía máis alá do laboral e
alcanzaba a todas as formas de opresión. Unha mobilización masiva que
actualizaba novamente un dos lemas máis clarividentes do feminismo, o
formulado por Kate Millet e que indica que «O persoal é político». O
persoal é político porque as vidas de todas están absolutamente
condicionadas por estruturas patriarcais -materiais e simbólicas-, que
atravesan corpos, identidades, relacións e institucións.
Categorías:Jorge
Linheira
Luzes.gal