• Número 395
  • 21 de maio de 2018

Lingua

Miles de persoas reivindican o galego día a día

Queremos galego todos os días do ano!

Un ano máis as rúas de Compostela ficaron pequenas para acoller os milleiros de persoas que se desprazadas de todos os recunchos do país para apoiar a manifestación convocada por Queremos Galego no 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Baixo o lema deste ano, “en galego día a día” a plataforma cidadá que aglutina máis de 500 colectivos e asociacións quixo poñer en evidencia os problemas e trabas ás que se teñen que enfrontar as persoas galegofalantes no seu día a día.

Na súa intervención o portavoz de Queremos Galego Marcos Maceira, ante unha ateigada praza da Quintana recoñeceu o “sobreesforzo que realiza o profesorado para elaborar materiais en galego, o sobreesforzo de pais e nais que procuran solucións ante a marxinal oferta de galego nos debuxos ou nos xoguetes, o sobreesforzo das editoriais que manteñen o noso idioma a pesar das cativas axudas da Xunta, grazas ao compromiso de manterdes o galego vivo!”. “Un sobreesforzo maior nas zonas do Eo-Navia, o Bierzo, Sanabria e o val do Ellas, onde o galego non ten recoñecida a oficialidade”, engadiu Maceira.

O desleixo da Xunta de Galiza

Queremos Galego denunciou o nulo compromiso e o desleixo da Xunta de Galiza ante todo o que son as cuestión relacionadas coa lingua galega pois, mentres outros territorios lexislan e amparan o uso das súas linguas, en Galiza é o propio goberno quen renega das súas competencias. Maceira acusou o presidente Feixóo de renunciar ás súas obrigas estatuarias “para se converter nun simple subdelegado do goberno en provincias”.

Para exemplificar Maceira argumentou que a Xunta presenta plans fantasma para dinamizar o galego entre a mocidade mentres en Galiza, “de facto ao galego impónselle un 155 lingüístico pois non se entende que o Tribunal Supremo di que o catalán debe ter unha presenza mínima no ensino dun 75%, o galego está baixando do 33% grazas ao decretazo contra o galego e á LOMCE”.

Nós Televisión