A discriminación salarial das persoas con diversidade funcional

Cada vez máis están a aparecer empresas
especializadas na contratación de persoas con discapacidade.
Lonxe de ser un triunfo para a integración de este colectivo, o que está
a ter lugar é a discriminación salarial en función das
distintas capacidades das traballadoras.
A lei de integración social do minusválido,
de 1982, establece, para as empresas públicas e privadas de
máis de 50 traballadores, a obrigatoriedade de contratar a un
número de traballadoras con discapacidade non
inferior ao 2%, e crea, a figura do Centro Especial
de Emprego, para acoller a aquelas persoas que, polas súas
especiais dificultades, non poidan prestar servizos no mercado ordinario
de traballo, e precisen un período de integración.
Como a actividade produtiva destes centros non tiña
oco no mercado laboral, xa que se trataba de talleres dedicados a
fomentar a inserción e a autonomía persoal, dispoñen dun
convenio propio que regula esta relación especial de traballo e
grandes vantaxes fiscais que permiten a súa
continuidade. Bonifícase o 100% da cota empresarial á seguridade
social e o custo salarial ata o 50% do SMI.
Para facilitar que as empresas cumprisen coa
obrigatoriedade de contratar a persoal con discapacidade, dende
o ano 2.000, permítese celebrar contratos de prestación de servizos con
CEEs como medida alternativa ao cumprimento da cota de reserva do 2%.
Isto fomenta que, en lugar de contratar a
persoal propio que preste servizos relacionados coa actividade normal da
empresa, se opte por externalizar os servizos de limpeza, conserxería ou
almacén (por citar os máis comúns) con un CEE.
Na actualidade, os Centros Especiais de Emprego
transformáronse en empresas multiservizos, cun convenio propio que fixa
o salario á altura do SMI.
O máis perverso vén cando grandes empresas
de servizos crean grupos de empresa ordinaria + CEE afín co único
obxecto de aumentar os beneficios, ou ofrecer o prezo máis competitivo á
hora de obter contratos públicos. Danse casos nos que, as traballadoras
con discapacidade, cubrimos as vacantes do persoal da empresa ordinaria,
realizando as mesmas tarefas, por un prezo moi inferior.
Por outra banda, debido a que as ofertas que
publican as empresas piden persoal con discapacidades non
limitantes, seguen quedando fóra do mercado as persoas con grandes
dificultades de inclusión e, precarízase a situación de
traballadoras que deberamos estar insertas no mercado ordinario.
Éncheme de carraxe saber que, cando nunha
entrevista, me falan de oportunidades para un colectivo e da
responsabilidade social que ten a empresa, vou rematar realizando
calquera traballo polo soldo mínimo. Porque a forma máis simple
de evitar os convenios sectoriais é aplicar o que regula as condicións
de traballo das persoas con discapacidade en centros especiais de
emprego. Aínda que as empresas que os aplican non teñan, nin de lonxe, a
aparencia de talleres ou obradores que faciliten a inserción de persoas
con dificultades para acceder ao mercado laboral.
Debemos denunciar o abuso que se está a dar
por parte das empresas que se acollen a éstas bonificacións de forma
fraudulenta. Porque non teñen un carácter social, non lles
interesa a inclusión, só poder aplicar un soldo inferior e ter unhas
exencións fiscais que aumenten a súa marxe de beneficios.
POR UNHA INCLUSIÓN SEN DISTINCIÓNS XA!
* A autora deste artigo é unha militante da CUT
que prefire permanecer no anonimato para non ter aínda máis problemas
para acceder ao limitado e miserento mercado laboral que denuncia.