No día da rendición dos tres sindicatos que traizoaron a vontade das traballadoras e traballadores, compre unha reflexión

Hoxe, venres 18 de maio, escenificouse a
rendición total dos sindicatos do sistema, asinando o acordo que
previamente estiveran negociando ás costas das traballadoras e
traballadores e mesmo do propio Comité de Folga ao que nin sequera
informaron das xuntanzas que estaban a realizar.
Posteriormente, pensando que se eles se
rendían o colectivo iría detrás procederon á realización dunha votación
na que os traballadores e traballadoras lles mostraron cal era o camiño
que había que percorrer na defensa da súa dignidade.
Nese intre, o dano xa estaba feito. As
artimañas do sindicalismo traidor e a ruptura da unidade sindical
provocaron unha fenda irreparable no colectivo. Aínda así, as
mobilizacións continuaron.
É importante que desta prolongada e activa
loita tiremos conclusións, aprendamos a identificar a quen defende os
nosos dereitos e intereses e illemos aos que, unha vez máis, venderon
unha magnífica loita por un prato de lentellas, porque, que non se
lograran os obxectivos de tanta loita ten culpables.
A escoura sindical rematou coa súa pantomima
aos 101 días do comezo da loita plasmando no papel unha rendición que xa
realizaran hai semanas, asinando un “acordo” rexeitado polas
traballadoras e traballadores. Rueda xa ten a foto que buscaba desde hai
101 días. Que non se engane o sr. conselleiro, a folga non se
desconvocou, na medida en que non se conseguiron os obxectivos a loita
continuará, entrará nunha nova fase de acumulación de forzas para
reaparecer con máis forza que a demostrada. Desta vez as traballadoras e
traballadores xa saberán con quen non xuntarse.