• Número 395
  • 21 de maio de 2018

Universidade

Resumo da sesión do Claustro Universitario realizado o día 16

Participamos nos órganos de goberno universitario para ser a voz do colectivo

O día 16 de maio realizouse unha reunión do Claustro Universitario, máximo órgano colexiado de goberno da UDC. Tanto nos medios de comunicación como, de xeito especial, na páxina web da universidade tedes cumprida información do decurso da sesión. Nós informamos do que a nosa representación sinalou e que, como é habitual, neses medios non se reflicte.

Desenvolvemento da sesión (aspectos máis relevantes)

Apróbase a acta da sesión anterior – 12 de decembro de 2017 -  dificilmente podería ser doutro xeito ao se recoller a sesión integramente nun ficheiro de audio.

Memoria do reitor para o Claustro Universitario 2017

Persoal de administración e servizos (PAS), o reitor salienta:

No exercicio de 2017 realizáronse as seguintes actuacións:

• Convocatoria mediante Resolución do 3 de abril de 2017 (DOG núm. 73, do 17 de abril) do proceso de provisión de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade da Coruña.

• Finalización do proceso de promoción interna correspondente á Oferta de Emprego Público do ano 2016, convocado por Resolución do 31 de agosto de 2016 (DOG núm. 182, 23-09-2016) para o ingreso nas distintas escalas de persoal funcionario da Universidade da Coruña. Publicáronse un total de 151 nomeamentos.

• Publicación no DOG número 198, do 18 de outubro de 2017, da Resolución do 5 de outubro de 2017 coa oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para 2017. Nesta oferta figuraban un total de 21 prazas para convocar pola quenda de acceso libre e 50 prazas para convocar pola quenda de promoción interna.

Na rolda de intervencións deste punto, a representación do PAS (APA) sinalou:

No DOG do día de hoxe publícase a modificación puntual da RPT que permitirá que unha boa parte das compañeiras e compañeiros que se presentaron á promoción convocada no ano 2016, poidan tomar posesión dos postos acadados. Os nomeamentos aínda non se publicaron, polo que a promoción deses 151 postos que se contemplan na memoria e que se convocaron no ano 2016, aínda non rematou.

Por outro lado, significar que nas promocións imos cun ano de retraso respecto do calendario acordado e asinado co anterior reitor. Neste momento estamos a negociar os temarios, da convocatoria das promocións correspondentes ao ano 2017, da convocatoria aínda non se nos enviou proposta. Tampouco se nos trasladaron as convocatorias das categorías correspondentes ás Ofertas de Emprego que se acumularon.

Reclamámoslle ao reitor, ao xerente e a quen corresponda que se axilicen os procedementos.

Na resposta o reitor deu a palabra ao xerente:

É certo que hoxe se publica no DOG a modificación da RPT acordada coa Xunta de Persoal no ano 2016 para adaptar as prazas que ocupan as persoas que promocionaron e que non están barradas ao grupo A2. Posibilítase, deste xeito, a toma de posesión. Os nomeamentos publicaranse no DOG do luns, día 21.

Sobre as convocatorias, este xerente comprometeuse a que se presentarían no mes de maio, e así se fará, hai que esperar á finalización do prazo para facer a crítica.

Na votación da Memoria do reitor para o Claustro Universitario 2017 a representación do PAS, a APA,  abstívose. Votación: 53 votos a favor, 16 abstencións.

Informe de xestión do Valedor Universitario

Animámosvos a ler o Informe, sobre todo, as queixas do PAS, centradas esencialmente na formación e na situación creada pola detección de gas Radon no posto de traballo

Quenda aberta de intervencións

Na rolda de intervencións deste punto, a representación do PAS (APA) sinalou:

Ademais do xa sinalado na Memoria do reitor, para o PAS é moi urxente a negociación da Oferta de Emprego Público do ano 2018 para poder acumular as prazas ás Ofertas xa aprobadas

É urxente para o PAS que se proceda ao reparto da roupa de traballo. As traballadoras e traballadores, fixeron as solicitudes nos dous primeiros meses do ano. É urxente que esas solicitudes sexan avaliadas e, posteriormente, que a roupa se distribúa.

A prensa de hoxe sinala que o Concello procederá á asignación de prazas de aparcadoiro, na contorna da Maestranza, ás persoas residentes e comerciantes da Cidade Vella, iso a maiores de reservar, para uso exclusivo destas persoas, o espazo do Oceanográfico. Reclamamos que se negocie co Concello que nesas prazas reservadas se contemple, tamén, ao persoal que traballamos na Reitoría.

Na resposta o reitor deu a palabra ao xerente:

A semana vindeira transmitirase á Xunta de Persoal unha nova proposta de Oferta de Emprego para o ano 2018. Na semana vindeira tamén convocarei unha nova reunión co órgano de representación para negociala.

En próximos días remitirase a listaxe das traballadoras e traballadores aos que se lles asigna a roupa de traballo.

A información recibida do Concello sobre os aparcadoiros en superficie sinalan que se asignará a residentes a zona do Oceanográfico, facéndose unha redistribución do tráfico que posibilitará que na zona da Maestranza haxa máis prazas para aparcar que neste momento. Realizáronse xestións con aparcadoiros privados. Sobre a petición de reclamar no Concello o mesmo trato para as persoas que traballan na Reitoría que para residentes farase incluso vehementemente.

O Claustro nos medios

Páxina da Universidade

La Opinión A Coruña

La Voz de Galicia

El Ideal Gallego