O persoal da limpeza do Álvaro Cunqueiro apoia as auxiliares de enfermería nas súas protestas

As Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría
(TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo manteñen os peches de 24
horas no interior do centro sanitario en protesta contra a decisión da
Xerencia de sobrecargalas con funcións non presentes nos seus estatutos,
unhas mobilizacións iniciadas a pasada semana. Este mércores
recibiron o apoio e a solidariedade do persoal de limpeza do centro.
Cómpre lembrar que o pasado mes de febreiro foi o persoal de limpeza o
que denunciou o "deficit" no cadro de persoal, que provocaba unha
sobrecarga de traballo e a imposición de funcións non recollidas no
prego de condicións da concesión da limpeza. A solución que nese momento
ideou a Xerencia do hospital para finalizar con esta protesta foi
traspasar esta función ao persoal auxiliar de enfermería (TCAE).
Dende hai varios días grupos de traballadoras e
traballadores realizan peches de 24 horas no vestíbulo do centro
sanitario para esixirlle á Xerencia que dea marcha atrás nunha decisión
que está a provocar un empeoramento da calidade asistencia, xa que está
nova función réstalles tempo de atención aos pacientes. "Queremos
que a ciudadania sexa consciente que a nosa loita se debe a que non
estamos dispostas a que mingüe a calidade asistencial para que a
Xerencia ou a concesionaria aforren para os seus petos",
sinalan as traballadoras.
Este mércores tamén celebraron unha asemblea na que
se decidiu convocar un novo peche de 24 horas para o vindeiro
xoves 24, ao tempo que se acordou facer un chamamento a todas as
categorías laborais para que participen nunha concentración ese mesmo
día ás 12 horas na entrada principal do hospital para rexeitar
“un modelo de xestión que comezou reclasificando a lavandeiras/os,
pinches e cociñeiras/os, seguiu cos celadores/as, agora tócalle ás TCAE,
e non sabemos que colectivo profesional pode ser o próximo afectado”.
A protesta recibiu nos últimos días o apoio de En
Marea, BNG, de sindicatos coma a CIG e da Asociación Galega para a
Defensa da Sanidade Pública, que nun comunicado indicou que "resulta
inaceptable que a empresa concesionaria obrigue a persoal do SERGAS a
realizar unha actividade que debería realizar cos seus propios recursos"
e que "esta decisión ten como único obxectivo novos
aforros para a empresa privada a custa do persoal do SERGAS que debe
dedicar tempo e diñeiro a esta actividade".
Praza Pública