• Número 394
  • 14 de maio de 2018

CUT - Alternativas na Xustiza. Folga na Xustiza

Nota informativa do Comité de Folga

O conflito da xustiza non desaparece, transfórmase

Reproducimos o comunicado público do Comité de Folga no que se comunica a INTERRUPCIÓN da folga. Transcribimos, tamén, algúns artigos xornalísticos e de opinión arredor deste comunicado.

O Comité de Folga, reunido no dia de hoxe, ao que acudiron os sindicatos SPJ-USO, CUT, STAJ e CIG, RESOLVE:

1.- Dada a situación do conflito despois de 91 días, co sacrificio que isto conlevou a todo o persoal, e o enquistamento existente coa administración, e polo que facendo un exercicio de responsabilidade ,

ACORDAMOS por maioría dos presentes a INTERRUPCIÓN da Folga co fin de buscar novas formas de presión para a resolución do conflito.

2.- Instar a administración para que convoque ao Comité de Folga á maior brevidade para poñer fin a esta situación.

3.- Dende o Comité de Folga, requirimos ás centrais sindicais UGT, CSIF, e CCOO, para que exerzan a súa responsabilidade como integrantes do Comité, insten á Xunta de Galicia a unha reunión urxente a celebrar no seo do Comité de Folga.

Ourense ás 14 horas do 8 de maio de 2018.

O conflito da xustiza non desaparece, transfórmase

Após tres meses de paro a greve na administración de xustiza interrómpese mais sen desconvocarse. Un novo escenaio de loita, insisten desde sindicatos como CUT e SATJ, que apoian esta suspensión. Desde a CIG, porén, posiciónanse contra esa interrupción e propoñen un laudo arbitral. En todo caso, coinciden, a última palabra non está dita.

Tres meses de loita son tres meses de desgaste, de perda de salarios e cotizacións, de dureza. O paro protagonizado polas traballadoras e traballadores da administración de xustiza de Galiza na defensa dos seus dereitos e contra a discriminación a respecto doutros territorios do Estado marca un fito na conflitividade laboral. A greve chega á súa fin como tal. Así o decidiu após as asembleas desta segunda feira a maioría dos sindicatos que ficaban activos no seo do comité de greve. Chega á súa fin mais non desaparece, esclarecen estas centrais, senón que se transforma.

Interrómpese, que non se desconvoca. Dos catro sindicatos que continuaban a apoiar a mobilización (CIG, CUT, SATAJ, USO), tres apostaron en suspender a greve. Só a CIG se opuxo. “Temos a representación que temos, non somos maioría sindical na xustiza”, recoñece Óscar Freixedo, da central nacionalista, en conversa con Sermos Galiza. Considera que unha suspensión da folga “sen garantía de interlocución real por parte da Xunta para chegar a un acordo é unha saída que non resolve o conflito”. Por iso, aponta, a proposta que fai a CIG dun laudo arbitral. 

De por parte, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) xustifica a interrupción en que após tres meses de greve “facíase necesario cambiar de escenario”. Non remata o conflito, insiste, senón que  este entra nunha nova fase. “É un conflito a longo prazo”, explica a Sermos Galiza, “no que a Xunta parece que aposta en esmagar, en impoñer, non en negociar”. Parabeniza os e as traballadoras por estes tres meses de mobilización e recoñece non ter moita confianza na vontade de chegar a un acordo por parte da Xunta: “Rueda é un impresentábel, un incompetente”, asegura, en referencia ao vicepresidente da Xunta.

No comunicado do comité de greve piden aos sindicatos que acadaron no seu día un preacordo coa Xunta (CCOO, CSIF e UXT) e que se descolgaron do comité que se sumen ao resto de centrais na petición á Xunta dunha “xuntanza urxente” que dea solución ás demandas do persoal.

Avanzos

Desde que o conflito comezou até agora, obrigouse a Xunta a mover ficha, algo ao que o goberno de Feixóo non estaba disposto nun inicio. A administración galega tivo que facer propostas e compromisos concretos fronte ás demandas do sector. Así, a segunda oferta formulada pola Xunta implicaba unha suba de 140 euros na categoría de forenses; 135 euros para xestores; 127 para tramitadores; e de 122 para auxilios. Aplicaríanse en tres anualidades: 50% para 2018, o 30% para o seguinte ano e o 20% para 2020.

Sermos Galiza

Rueda, o Bárbaro

Hai que felicitar de corazón a Alfonso Rueda, o vicepresidente do Goberno galego. Non se poden destruír máis cousas en menos tempo e de xeito máis eficiente para conseguir absolutamente nada. Había rumores, pero xa é oficial. Por onde pasa o vicepresidente non volve medrar nin a herba, nin nada. Dende Conan o Bárbaro, non se tiña visto un poder de destrución comparable a este lado de mundo.

Na súa bárbara xestión do conflito da Xustiza todo son desgracias. Os máximos responsables políticos da xustiza e da negociación colectiva na función publica quedan desautorizados e queimados como negociadores. Os traballadores da Xustiza, que eran un corpo unido con interlocutores claros con quen negociar, agora comparecen divididos e enfrontados e sen interlocutores claros con quen pactar como recuperar o máis eficazmente posible o tempo e os danos causados. Os xulgados seguen asfixiados polo retraso e o bloqueo pero agora, ademais, quedamos sen axentes representativos  con quen acordar unha estratexia de axilización e desbloqueo.

Rueda, o Bárbaro, pode exhibir as cabezas de dous presidentes do comité de folga e o impresionante éxito de empezar ofrecendo noventa euros e acabar firmando por case un 70% máis

Milleiros de cidadáns foron severamente castigados polas consecuencias dunha folga que aínda ninguén foi quen de explicarnos por que durou tres meses, moito menos vimos a ninguén asumir a responsabilidade por terse alongado de maneira tan irracional.  Milleiros de cidadáns seguirán castigados polo ano e pico de retrasos extra que nos queda para volver ós retrasos habituais; e todo isto sen contar sequera os milleiros de euros gastados para que na TVG ou en La Voz de Galicia o vicepresidente sempre fora o bo e o guapo e os sindicatos foran os feos e os malos.

A cambio de tan monumental balance de danos, Rueda, o Bárbaro, pode exhibir as cabezas de dous presidentes do comité de folga e o impresionante éxito de empezar ofrecendo noventa euros e acabar firmando por case un 70% máis. En calquera empresa privada, desas que tanto gustan falar e nas que tanto lles gusta traballar aos cargos Populares cando deixan, segundo eles, de palmar pasta no servicio público, xa faría semanas que estaría despedido por tóxico para os activos da empresa e por incompetente na xestión de conflitos.

Aquí foi unha vez ao Parlamento a dar explicación e di que non volve porque xa estivo e non lle gusta repetir visitas turísticas, aínda que sexa a institución que presenta aos milleiros de galegas e galegos que van pagar no seu lombo e coa súa carteira as consecuencias dunha folga que non soubo amañar. Visto un parlamento, vistos todos; ese é o lema de Alfonso Rueda, o Bárbaro, mentres xa se prepara para a seguinte desfeita.

Antón Losada

Luzes. Xornalismo que conta