Eleccións a Xunta de Persoal da UVigo

O persoal funcionario de administración e servizos
da Universidade de Vigo volverá estar representado por unha Xunta de
Persoal con maioría da CIG, despois que a formación sindical que
encabeza Xan Cebro obtivese hoxe 139 votos, fronte aos 121 acadados pola
candidatura da UGT, encabezada por María Moreira. Un total de 291
persoas, do total de 401 que integran o censo do PAS funcionario nos
tres campus, participaron na elección da nova Xunta de Persoal, que a
partir de agora estará formada por sete delegados da CIG e seis de UGT.
Cun 72% de participación do total do censo, nas
eleccións celebradas este xoves emitíronse nas mesas de Vigo e
Pontevedra 254 votos e en Ourense 37, dos que: 139 foron para a CIG, 121
para UGT, 22 brancos e nove nulos. En canto á distribución de votos ás
candidaturas por campus, CIG obtivo 118 en Vigo e Pontevedra e 21 e
Ourense, mentres que UGT acadou 113 en Vigo e Pontevedra e oito en
Ourense.
Xan Cebro, María José Ríos, Henrique Macías,
Benedicta Expósito, Mónica Zas, José Antonio Gándara e Raquel Iglesias
en representación da CIG e María Moreira, José Manuel Sóñora. Mónica
Méndez, Estefanía Varela, Teresita del Niño Jesús Aboal e Patricia
Outeiral, por parte de UGT, conformarán a nova Xunta de Persoal.
Nas anteriores eleccións á Xunta de Persoal,
celebradas o 25 de abril de 2014 exerceron o seu dereito a voto 311
persoas, das que 182 apoiaron á CIG e 113 a UGT.
Resultado de castigo e compromiso de apoio
Tras coñecer os resultados Xan Cebro felicitou a
UGT “polos grandes resultados que tiveron e a todos os compañeiros que
participaron na elección da Xunta de Persoal nos votasen ou non nos
votasen”. Cebro, que revalidará o seu cargo de presidente á fronte do
órgano de representación do PAS funcionario, lamentou que a CIG non fose
quen estes últimos catro anos de acadar resultados visibles para o
persoal, “que si tivo a percepción de que nós algo tivemos que facer mal
e pagamos cos resultados eses catro anos, onde houbo un clima no que non
captaron a mensaxe que había desde a Reitoría que impedía os obxectivos
marcados pola CIG, senón que eramos responsables como representantes dos
traballadores”. Xan Cebro asegura afrontar con ilusión unha etapa cun
novo equipo de goberno e unha nova xunta, ao tempo que sinala que
“esperamos que sexa un novo período de unión no seo da Xunta de Persoal
e traballemos todos nun mesmo sentido”.
Pola súa banda, María Moreira, afirma “estar moi
contenta”, aínda que UGT non acadase a maioría. “Eramos unha candidatura
moi nova, a metade eramos completamente novos nestes temas sindicais e
cremos que tivemos un resultado moi bo, con moito apoio e con moitas
ganas de traballar”, asegura. A candidata de UGT a presidir a xunta
compromete o apoio da súa formación á CIG “en todas as iniciativas que
sexan boas para o persoal e intentar que a xunta estea unida, non como
estivo ata agora”, asegura.
Páxina da Uvigo