Entidades sociais piden unha nova RISGA: con máis contía e máis accesible

Unha vintena de organizacións sociais
presentaron este martes a iniciativa
Fagamos da Risga un verdadeiro dereito, un acordo colectivo
que promove cambios na Renda de Inclusión Social de Galicia para
convertela nunha prestación "suficiente, digna, accesible e eficaz". As
entidades levaron a cabo unha presentación ante os medios e comunicación
e este mércores remitiranlle o acordo por Rexistro Oficial á Consellería
de Política Social da Xunta. Entre as organizacións impulsoras están o
Foro Galego de Inmigración, o Colexio Oficial de Traballo Social de
Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia,
Proserso, SOS Racismo ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo).
Todas elas demandaron "a reformulación do proxecto de decreto da
Risga e da propia Lei de inclusión social".
A maioría destas entidades presentaron alegacións
ao proxecto de decreto de desenvolvemento da lei 10/2013, do 27 de
novembro, de inclusión social de Galicia,
presentado hai uns meses. "Queremos continuar demandando a nosa
participación activa no proceso que leve a establecer o futuro tanto da
renda de inclusión social de Galicia como, por ende, das políticas
sociais que deben garantir o noso sistema de protección social",
sinalan. A este respecto Proserso
sinalaba en febreiro en conversa con Praza Pública que "A
RISGA necesita dunha valoración social e dun proxecto de intervención".
E, de igual xeito, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia
subliñaba que as unidades técnicas deben contar, polo menos, cunha
traballadora social para a interpretación dos informes sociais de
valoración.
O acordo presentado este martes reivindica unha
RISGA "garantida e informada, coa esixencia dunha carteira de servizos
accesible mediante a elaboración dunha carta de servizos que a cidadanía
poida consultar para coñecer os recursos, servizos e prestacións do
sistema social". Igualmente, unha RISGA entendida "como Dereito
cidadán e non como subsidio condicionado". "Esiximos un modelo de
RISGA como dereito e non como prestación graciable que parta da
dignidade da persoa e non criminalice a pobreza", sinalan.
Demandan tamén que a renda sexa "suficiente
para garantir unha existencia digna e a participación na sociedade como
elemento básico de inserción social, por iso, é imprescindible",
incrementando a súa contía ata representar o 60% do salario medio, o que
en Galicia suporía duplicar a actual prestación de 403,38 euros. E
piden, así mesmo, que sexa "accesible e eficaz" e "sen burocratizacións
innecesarias", simplificando o procedemento e cumprindo os tempos de
tramitación. Reclaman tamén unha mellora na coordinación entre
administracións, asegurando a uniformidade de criterios e que sexa
garantista cos dereitos individuais e respectuosa co proxecto de vida
escollido pola persoa.
Praza Pública