• Número 394
  • 14 de maio de 2018

Oficina de Dereitos Sociais-COIA

Agbar denuncia a tres activistas da Alianza Contra a Pobreza Enerxética

Situamos ás empresas subministradoras no centro do problema, sinalando a estas compañías, con beneficios multimillonarios, como responsables dunha secuela que afecta a máis do 10% da poboación en Cataluña

A represión non para. Hoxe a xente da Alianza Contra a Pobreza Enerxética coñeceron que tres compañeiras -unha delas a súa voceira María Campuzano- eran denunciadas por Agbar por defender os dereitos de todas nunha acción nas dependencias desa compañía. Dende APE levan anos loitando en contra dos intereses das grandes empresas que fan negocio coas necesidades básicas de todas: luz, auga e gas.

Dende a ODS-Coia amosamos toda a nosa solidariedade e agarimos ás compas da APE. Compartimos o comunicado que lanzaron no día de hoxe:

Barcelona, 7 de maio de 2018

Desde a Alianza contra a Pobreza Enerxética (APE) traballamos desde o noso nacemento para deter os cortes de subministración en Cataluña e confrontamos as grandes multinacionais de auga, luz e gas para esixir a protección de dereitos tan esenciais como o acceso á auga e á enerxía. Conseguimos conxuntamente coa PAH e o Observatorio DESC, así como co apoio de moitas outras entidades e colectivos, impulsar unha lei que parou máis de 40.000 cortes de subministración en Cataluña e situamos ás empresas subministradoras no centro do problema, sinalando a estas compañías, con beneficios multimillonarios, como responsables dunha secuela que afecta a máis do 10% da poboación en Cataluña.

A día de hoxe, Augas de Barcelona (Grupo Agbar-Suez) decidiu levar a xuízo a tres compañeiras da APE por unha acción de denuncia que tivo lugar nas súas oficinas comerciais de Barcelona o pasado 27 de febreiro. Con esta acción, Agbar demostra ir en contra de quen defende os dereitos da cidadanía e elixe a vía da represión contra a sociedade civil organizada.

A compañía persegue á APE pola vía xudicial por unha acción que se enmarcaba dentro da campaña de condonacións de débeda a familias en situación de vulnerabilidade. Esta iniciouse en xullo de 2017 e reclamaba basicamente a condonación total das débedas de facturas impagadas de auga contraídas en situacións de vulnerabilidade e ás que de ningunha maneira as familias podían facer fronte. Nalgúns casos tratábase de cantidades que superaban os 1.000 € e Augas de Barcelona, en lugar de responder á solicitude de condonación de débeda presentada polas persoas afectadas, dedicábase a facerlles recordatorios periódicos sobre a súa falta de pagamentos. Este feito levou á APE a realizar unha acción pública de denuncia para buscar unha solución á angustia que estaba a xerar a acumulación destas débedas ás familias. Ese día, os representantes da compañía, entre elas a súa Directora de Clientes Núria Latorre, aseguráronnos que as demandas da APE eran imposibles de cumprir.

Dez días máis tarde, algunhas das afectadas que solicitaban a condonación, así como miles de familias de Barcelona e outros municipios da contorna, recibían na casa unha carta de Augas de Barcelona que lles confirmaba a condonación da maior parte da súa débeda. Neste sentido, cónstannos débedas de máis de 1.000 € que se chegaron a reducir a 98 € (máis información.

Desde a APE temos moi claro que non se trata dunha casualidade e que a acción do 27 de febreiro provocou a condonación destas débedas, o que reflicte que as nosas demandas non só eran lexítimas senón que eran posibles e que era só falta de vontade da empresa para buscar unha verdadeira solución para as familias. A APE demostrou unha vez máis a importancia da organización cidadá e a conquista de dereitos fundamentais a través de accións de denuncia e desobediencia pacífica. Como resposta, a pesar de aceptar parte das nosas demandas, Agbar elixiu a vía da represión xudicial e o castigo para difundir o medo entre as activistas e as afectadas que non poden pagar os servizos máis básicos.

A actitude criminalizadora da compañía fronte á APE demóstrase en que non só se persoa como acusación particular senón que aínda que no primeiro auto do Xulgado só incluía unha persoa denunciada, Agbar presentou un recurso para pedir encausar a dúas activistas máis, entre elas a portavoz do movemento Maria Campuzano, buscando un maior impacto sobre o colectivo e querendo demostrar a súa posición dominante. É indignante ver como Agbar, que ten o incomprensible privilexio de xestionar a auga nunha cidade como Barcelona, gastou nos últimos meses millóns de euros nunha campaña publicitaria de lavado de imaxe e en procesos xudiciais para tentar frear á sociedade civil que se organiza para defender os seus dereitos.

Desde a APE queremos facer público que a deriva represiva de Agbar non fará cambiar a nosa maneira de loitar en favor dos dereitos da cidadanía e as familias en situación de vulnerabilidade para garantir o acceso ás subministracións básicas. Por iso, desde hoxe e ata o día do xuízo, previsto para o día 16 de maio, iniciamos unha campaña de difusión pública do caso para que todo o mundo teña claro en que consiste realmente a “xestión responsable” de Augas de Barcelona. Diversas entidades e colectivos, coas que a APE leva colaborando desde os seus inicios, comparten a indignación pola actitude belixerante da compañía fronte á defensa dos dereitos fundamentais asinando este comunicado e apoiando a campaña que hoxe se pon en marcha.

A defensa dos dereitos fundamentais e o dereito da cidadanía para loitar polo que considera, non só xusto, senón dunha necesidade imperante, non pode estar nunca a mercé do que conveña ás grandes empresas para seguir ampliando o seu lucro. O dereito ás subministracións básicas non se negocia, nin o noso labor se para, ante a criminalización da protesta. Non temos medo da estratexia represiva de Agbar e os dereitos de todas non levan a xuízo. Seguiremos loitando xunto ás demais entidades e colectivos que nos acompañan, como sempre fixemos, para acabar cos abusos das grandes compañías subministradoras e para alcanzar un país SEN SEDE, FRÍO, NIN ESCURIDADE!

#EncausadesPerAgbar